PAZ ABRAIRA ACUSOU AO PP DE “DINAMITAR” OS SERVIZOS SOCIAIS NA XUNTA E NOS CONCELLOS

PAZ ABRAIRA ACUSOU AO PP DE “DINAMITAR” OS SERVIZOS SOCIAIS NA XUNTA E NOS CONCELLOS

Abraira dixo que “a Xunta debería destinar fondos para solucionar os problemas das persoas e non atacar aos servizos sociais públicos que aínda funcionan”

O BNG presentou preguntas, na comisión de Benestar Social do concello de Lugo, sobre o programa Reconduce da Xunta

LUGO, 28 de outubro de 2013. A edil do BNG, Paz Abraira, acusou ao PP de “dinamitar” os servizos sociais na Xunta e nos Concellos. Abraira realizou estas declaracións tras asistir, no concello de Lugo, as xuntanzas das comisións de Benestar Social e de investigación sobre os feitos acontecidos no centro de día Antonio Gandoy. Se ben Abraira afirmou que “para o BNG é preciso esclarecer todo o acontecido no centro de día Antonio Gandoy con un disparo fortuíto producido por un traballador deste centro” criticou a actitude dos populares por centrarse unicamente en atacar aos servizos sociais do concello mentres a Xunta continua sen dar solucións ás persoas que máis o necesitan.

Paz Abraira exemplificou a actitude destrutiva da Xunta de Galiza, no referente aos servizos sociais, falando sobre a recente creación do programa Reconduce. Na comisión de Benestar Social do concello de Lugo tratáronse hoxe varias preguntas, que foran presentadas polo BNG, sobre a información trasladada pola Xunta aos concellos sobre este programa de apoio ás familias en risco de desafiuzamento. Abraira dixo que “neste programa, chamado Reconduce, non se propón ningunha medida concreta”. O programa prevé a creación dunha oficina en Santiago de Compostela para atender os casos de desafiuzamentos que xurdan en todos os concellos galegos a través de medios telemáticos.

Para o BNG “non é de recibo que á hora de elaborar este programa non se contara cos colectivos que están a agrupar e a defender os intereses das persoas que están a sufrir procesos de desafiuzamentos” mais, explicou Paz Abraira, “cóntase coa participación da entidades bancarias que, neste caso, son as executoras dos desafiuzamentos”. Abraira incidiu en que este programa da Xunta é un “paripé” por que non contempla dar apoio en caso de ser necesario un realoxo e recoméndalles aos concellos que deriven estes casos á FEGAMP. Toda a información que a Xunta lles remitiu aos responsables de servizos sociais do concello redúcese a un díptico que contén información xeral. Para máis información este díptico deriva á páxina web da Xunta onde a información que hai é a mesma que contén o díptico.

PAZ ABRAIRA ACUSOU AO PP DE “DINAMITAR” OS SERVIZOS SOCIAIS NA XUNTA E NOS CONCELLOS