Perante o desmantelamento e as chantaxes o BNG AA chama a unha xuntanza de urxencia
Rubén Arroxo sinalou que nin se pode deixar desmantelar o servizo, nin se pode permitir a chantaxe das eléctricas
En relación coa proposición que o BNG - Asembleas Abertas presenta ao vindeiro pleno, haberá un acto público o martes ás 19h no Maruxa Mallo sobre os sistemas cooperativos coa presenza de representantes da cooperativa NOSA ENERXÍA
Lugo, 19 de xaneiro de 2016. O voceiro do BNG Asembleas Abertas no concello de Lugo, Rubén Arroxo, considera que se debería de convocar unha xuntanza con urxencia con todos os grupos para tratar de buscar solucións a este tema, porque nas súas palabras nin se pode deixar desmantelar o servizo, nin se pode permitir a chantaxe das eléctricas. En base a isto dende o grupo nacionalista aclararon que é preciso primeiramente contratar persoal, para que o servizo non caia, xa que na situación actual é imposible tanto revisar as facturas, como manter a seguridade necesaria nas dependencias do concello afirmou o voceiro do BNG. Mais tamén dende este grupo municipal consideran que se debe revisar os contratos coas empresas e estudar a posibilidade de poder apostar por sistemas cooperativos, lembrando así que no pleno do próximos xoves vai ser debatida unha iniciativa do BNG-AA nesa liña as grandes eléctricas, que non deixan de subir os seus prezos de forma escandalosa dende que foron privatizadas, en beneficios duns poucos, non poden querer tamén crear o caos nun concello apuntou Arroxo.
Dende o grupo nacionalista apuntaron tamén que o martes 26 ás 19 horas no centro social Maruxa Mallo, terá lugar un acto aberto coa presenza de representantes da cooperativa Nosa Enerxía, precisamente para expoñer as alternativas ás grandes eléctricas. Para esta xuntanza, afirman dende o BNG, xa están convidando a diferentes colectivos do concello, considerando que pode ser un punto importante de información das alternativas existentes, e para analizar as posibilidades de levalo ao concello.