RECUPERANDO O APALPADOR NA DEFENSA DAS NOSAS TRADICIÓNS

RECUPERANDO O APALPADOR NA DEFENSA DAS NOSAS TRADICIÓNS

Mario Outeiro (524x786)Din do Apalpador ou pandigueiro que é un xigante que se dedica a facer carbón, vai vestido con roupa esfarrapada e remendada, usa boina e fuma en pipa. O dia 24 ou 31 de decembro baixa á noitiña das montañas do Courel nas que vive para visitar aos nenos e nenas que están durmidiños. Cando chega a xunto deles apálpalle a barriga para ver se están cheos e comeron ben. Se os ve fartos dilles “así esteas todo o ano” e déixalles unha presada de castañas e, se non os ve fartos, colle do mesmo xeito unha presada de castañas aínda máis grande e déixallas. Por estas características comparte semellanza con outras personaxes que saen arredor do solsticio de inverno noutros países, coma o Olentzero vasco, ou o mesmo Santa Claus.

O mito do Apalpador sérvenos para asegurar o que non é máis que a constatación dun anterior rito ou culto arredor do solsticio de inverno para tratar de propiciar as boas colleitas. Por mor, seguramente, da aculturización cristiá foi desterrado ás funcións de boa nova da fartura e da ilusión para os meniños. Por iso probablemente en épocas pasadas se debeu celebrar o 25 de decembro, pero presionado polo cristianismo entre a data do solsticio de inverno e a noite de Reis veu a ocupar o único día que restaba nas celebracións, o día de San Silvestre, tal e como apunta José André Lôpez Gonçâlez nun artigo non moi extenso e ben fundamentado que se difundiu moito en 2006 a través da internet e as redes sociais.

Somos un país cunha rica cultura que non debemos deixar esmorecer, por iso convén que defendamos o noso fronte a invasión cultural foránea que nos impón a globalización. Poñendo en valor as nosas tradicións, como é o Apalpador, estamos mantendo vivo o noso patrimonio cultural inmaterial. É traballo de todos recuperar esta tradición que aínda pervivía en numerosos puntos da nosa xeografía, sobre todo nas zonas de Lóuzara, o Courel e os Ancares, e espallala para que en toda Galiza se coñeza.

Pero o Apalpador, a figura tradicional do noso Nadal, recuperada nos últimos anos en Galiza grazas ao traballo de asociacións culturais e tamén institucións, como é o caso da Área de Cultura da Deputación de Lugo, ademais do propio valor por representar as nosas raíces culturais e o noso imaxinario colectivo, encarna uns valores que se foron perdendo nos nosos días onde o consumismo entrou en todos os fogares: o Apalpador agasalla castañas, só busca a felicidade dos meniños a través de non pasar fame. Por iso é unha figura que merece a pena tanto reivindicar agora que o Nadal xa se converteu nun invento dos centros comerciais para vender regalos e perdeu practicamente toda característica positiva.

Nenas e nenos lucenses xa tiveron a ocasión de ver ao Apalpador polas rúas de Lugo hai uns días e volverá a baixar das montañas para ver tamén aos nenos e nenas en XuvenLugo. Unha vez que apalpe as barriguiñas dos nenos e nenas agasallaraos con castañas, ese moitas veces esquecido froito dos nosos soutos que a tantos milleiros e milleiros de galegos e galegas quitou da fame ao longo de séculos. Coma o Apalpador, tamén desde aquí queremos desexar fartura e saúde para os nosos nenos e nenas, o futuro do noso pobo, e tamén fartura para a nosa cultura en tempos difíciles.

RECUPERANDO O APALPADOR NA DEFENSA DAS NOSAS TRADICIÓNS