Rubén Arroxo súmase á reivindicación do piragüimo para reclamar o amaño dos caneiros

Rubén Arroxo súmase á reivindicación do piragüimo para reclamar o amaño dos caneiros

Para Rubén Arroxo “Deixar no abandono estes elementos non só é un atentado contra o noso patrimonio, senón que tamén impide a realización de determinados deportes”

BNG-AA.Piragua.Caneiro1

Lugo, 6 de agosto, 2015. Para o BNG – Asembleas Abertas o abandono no que se atopan os caneiros fai que cada día estean máis preto da súa desaparición. En palabras de Rubén Arroxo “cada ano que pasa están máis deteriorados, a este paso en moi pouco tempo quedarán convertidos en un simple montón de pedras illadas” lamentábase o nacionalista comentando tamén que dende as institucións sempre miran para outro lado cando se trata de atender o Miño. Arroxo quixo lembrar que os caneiros forman parte da nosa historia, e foron usados durante moitos anos para os traballos habituais da época, polo que son un patrimonio a conservar. A maiores tamén lembraba o beneficio que producen sobre o caudal do río “en veráns tan secos coma este, evitan que escape a auga e permiten manter a vida no río”.

O voceiro do BNG – Asembleas Abertas estivo remando nunha piragua pola zona do caneiro das illas xunto a un grupo de piragüistas que están a reclamar o seu arranxo, posto que a baixada de caudal lles está impedindo practicar este deporte de forma normal “deixar no abandono estes elementos non só é un atentado contra o noso patrimonio, senón que tamén impide a realización de determinados deportes” dixo Arroxo, aludindo ademais que os rotos do caneiro son un perigo polas correntes que provocan ao achegarse “a día de hoxe hai un importante número de piragüistas de categorías menores, que poidan practicar este deporte con seguridade é unha obrigación das institucións”. A indignación por parte dos piragüistas é importante, polos anos que leva iso así, en palabras dun deles “parece incrible o grado de abandono que se lle dá a isto, sabendo que este é un deporte con grandes éxitos mundiais para os deportistas lucenses”

Rubén Arroxo lembrou que nas comisións municipais de hai dúas semanas o BNG – Asembleas Abertas xa presentou un rogo para que se leve adiante o arranxo do caneiro de Acea de Olga e solicitou tamén na propia xuntanza o amaño do caneiro das Illas, explicando que pediu que se acelerasen os trámites posto que esta é a mellor época do ano para poder realizar o seu arranxo.

Dende o BNG – Asembleas Abertas informan que van seguir traballando para poñer en valor o río Miño, posto que “ás veces parece que Lugo vive totalmente de costas ao río”, lembrando tamén que é importante non esquecer o proxecto dunha zona de baño público que permita o acceso ao río a calquera persoa e con sistemas que produzan o menor impacto posible.

Rubén Arroxo súmase á reivindicación do piragüimo para reclamar o amaño dos caneiros