CRISTINA LÓPEZ PRESENTOU AS ACTIVIDADES EN ROLDA DE PRENSA
7 actividades celebrarán no Cemiterio Municipal a festividade de Santos
A interpretación de “Don Juan Tenorio” terá lugar o 9 de novembro
Lugo, 28 de outubro de 2019. A Concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, xunto con Pomba Luxilde, de Palimoco Teatro, presentaron en rolda de prensa as actividades que se realizarán no Cemiterio co gallo da festividade de Santos. Un total de sete actividades que comezan xa neste 28 de outubro, e que se estenderán até o 18 de novembro. “Unha serie de actividades diversas e que agardamos que toda a veciñanza se achegue ao cemiterio”.
O IV Concurso de Fotografía “Estampas de Paz e Acougo” terá lugar do 29 de outubro até o 19 de novembro, que nesta edición versará sobre a simboloxía oculta que se reflicte nas construcións funerarias dos cemiterios. Premiaranse tres fotografías, con 500, 200 e 100 euros cada unha.
No día de Santos, o Cemiterio encherase de música clásica de 11 a 13:30 horas e de 16 a 17 horas. O día 2 ás 17:30, a corporación municipal fará a súa ofrenda floral a todos os defuntos do Cemiterio. Nesta ocasión, a ofrenda será realizada por Uxío Novoneyra, fillo do poeta.
A esperada interpretación de Don Juan Tenorio terá lugar o día 9 ás 20:30, correndo a cargo de Palimoco Teatro, mentres que a lectura dramatizada por nenos e nenas de Malala Teatro e da Escola Palimoco de Teatro, Don Juanín, será o día 21, neste caso ás 19:30. Ambas actividades estarán limitadas a 100 prazas O día 24 terá lugar o Faladoiro de Defuntos a cargo do grupo de teatro Achádego ás 19:00, cun total de 50 prazas.