Abre ao público o espazo Memoria Viva no Cemiterio Municipal
O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo e a concelleira de Participación participaron no acto de apertura do novo espazo expositivo do cemiterio
A exposición As necrópoles lucenses: do Cemiterio xeral de Magoi ao cemiterio municipal de San Froilán será unha das actividades organizadas pola área de Participación dentro do 75 aniversario do Cemiterio Municipal
Lugo, 17 de marzo de 2023. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Participación, Cristina López, participaron na apertura da exposición As necrópoles lucenses: do Cemiterio Xeral de Magoi ao Cemiterio Municipal de San Froilán, que abriu hoxe no novo espazo Memoria Viva do Cemiterio Municipal. A concelleira de Participación destacou esta exposición como unha das actividades máis importantes “dentro da celebración do 75 aniversario do Cemiterio”.
Cristina López afirmou que “a exposición é unha clara aposta pola recuperación da memoria histórica da cidade a través dunha mirada que visibilice as prácticas funerarias, desde a época romana ata a actualidade”, e engadiu “supón tamén recuperar a imaxe do antigo Cemiterio Xeral de Magoi, cuxa clausura e derribo supuxo unha lagoa importante na memoria colectiva”.
O proxecto iniciouse como froito do traballo realizado entre a área de Participación e a USC, protagonizado nun primeiro momento por Ana Goy Diz, quen foi nomeada comisaria a título póstumo da exposición “como recoñecemento ao seu traballo de investigación e posta en valor do Cemiterio Municipal”, explicou a concelleira de Participación, que engadiu “logo do seu pasamento, o grupo de investigación continuou a traballar ata culminar o que é unha parte fundamental da historia de Lugo, a sociedade vista a través da morte”.