Abre a nova convocaroria das Residencias Paraíso, coas que colabora a Tenencia de Alcaldía
Maite Ferreiro: "cada ano un grupo de artistas poden preparar o seu traballo nas instalacións do Vello Cárcere"
As agrupacións interesadas poden consultar as bases na web do Colectivo RPM, e poderán inscribirse ata o 30 de xaneiro para optar a unha das 9 bolsas
Lugo, 16 de xaneiro de 2023. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que vén de abrir o prazo de solicitude para as Residencias Paraíso, “un proxecto co que o Concello de Lugo leva colaborando nos últimos anos e que permite tanto dar unha grande promoción á nosa cidade entre as e os artistas de toda a península como achegar a Lugo a agrupacións de gran calidade para que desenvolvan aquí os seus proxectos”, explicou Maite Ferreiro. Nos últimos anos, o Vello Cárcere acolleu distintas residencias nas que diversos artistas desenvolveron o seu traballo.
As Residencias Paraíso pretenden fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor de novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística mentres normaliza o concepto de residencia artística, fundamental para o presente e o futuro da cultura galega.
As Residencias Paraíso 2023 están dirixidas a artistas tanto de Galiza como do resto da península. En total, escolleranse 9 proxectos, que desenvolverán unha residencia de 2 a 3 semanas nos espazos colaboradores. Xunto coa área de Cultura do Concello de Lugo, participan nesta iniciativa a Axencia Galega das Industrias Culturais, os concellos da Coruña, Carballo, Pontevedra, Ribadavia e Compostela, e a Fundación Cidade da Cultura.
A convocatoria de Residencias Paraíso 2023 estará aberta ata o 30 de xaneiro de 2023, e a selección final farase pública a finais de febreiro. Toda a información pode atoparse na web do Colectivo RPM.