Olalla Rodil: “os PAC teñen que contar co persoal suficiente para garantir a boa atención ás doentes”
A parlamentaria do BNG afirmou que "é preciso dar a volta ás políticas aplicadas nos últimos anos e defender a sanidade pública ante a falta de recursos que sofre actualmente"
Olalla Rodil: "a precariedade no SERGAS continúa a aumentar, precisamos dar a volta a esta situación para garantir a boa atención sanitaria da veciñanza"
Lugo, 16 de xaneiro de 2023. A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, xunto co candidato do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, achegáronse ata o Punto de Atención Continuada de Fingoi, onde denunciaron “a precariedade á que o goberno galego somete aos puntos de atención continuada, unha rede necesaria para garantir o acceso a un servizo público como é a sanidade”, segundo explicou Olalla Rodil. A parlamentaria do BNG destacou que “o persoal do PAC de Fingoi é un exemplo da situación precaria que está a sufrir a rede, trátase do único PAC que da atención a toda a veciñanza de Lugo, tanto da cidade como do rural”.
A parlamentaria do BNG afirmou que "é preciso dotar ao sistema público de saúde con máis recursos, tanto materiais como humanos, especialmente na atención primaria, que está a pasar por unha profunda crise”, e engadiu “o persoal sanitario está a acoller unha gran carga de traballo o que reduce a calidade da atención”.
Olalla Rodil afirmou que “a atención primaria é o punto de entrada da veciñanza no sistema sanitario, polo que é preciso conseguir a mellor calidade posible neste servizo”. O BNG propón mudar a política que está a aplicar o goberno da Xunta de Galiza en materia sanitaria, "é preciso dar a volta ás políticas aplicadas nos últimos anos, reducindo a precariedade do Servizo Galego de Saúde".
O BNG propón garantir a atención primaria presencial a toda a poboación galega, "unha atención primaria de calidade blindando a atención primaria e garantindo que todas as persoas que o precisen poidan asistir a unha consulta médica”, explicou Rodil, que engadiu "a atención recibida ten que ser segura e de calidade, non ten que depender de a que centro de saúde ou con que profesional se atope unha persoa".
Manifestación SOS Sanidade Pública
Olalla Rodil animou tamén a participar na mobilización que a plataforma SOS Sanidade Pública convoca para o 12 de febreiro en Compostela. “Precisamos reivindicar o dereito de todas e todos que garanta o dereito á nosa saúde”, afirmou Olalla Rodil.