NA COMISIÓN CELEBRADA HOXE INFORMOUSE, POR PREGUNTA DO BNG, QUE A APERTURA DOS BAÑOS É POSIBLE EN CANTO SE DECIDA FACELO
“Abrir os baños públicos é unha decisión política que pasa por facer unha nova concesión dos quioscos” informou Arroxo
O voceiro do BNG sinalou, tamén, a falta de limpeza dos servizos no propio concello a onde acoden moitas persoas e non hai limpeza polas mañás
Lugo, 20 de xullo 2018. Rubén Arroxo informou, tras a celebración da comisión de desenvolvemento económico, da situación na que se atopan neste momento os baños públicos da praza Maior, da Milagrosa e Santo Domingo. “Abrir os baños públicos é unha decisión política que pasa por facer unha nova concesión dos quioscos” dixo Arroxo e explicou que a anterior concesión extinguiuse “segundo os datos reiterados polo goberno hoxe na comisión” e agora depende do goberno municipal abrir ao público estes baños.
Rubén Arroxo lembrou que fai anos que estes quioscos están pechados e que dende entón “Lugo quedou sen baños públicos nas prazas nas que antes había este servizo público”. Neste momento permanecen pechados os baños públicos que había nas prazas Maior, da Milagrosa e Santo Domingo; ademais tamén están pechados os do parque de Rosalía de Castro. Rubén Arroxo indicou “estamos no verán e entendemos que o goberno municipal ten que buscar unha solución para que, nestas épocas, as persoas que nos visitan e toda a xente que sae á rúa dispoña destes servizos públicos que levan pechados demasiado tempo pechados”.
As dificultades económicas provocaron o peche dos quioscos xestionados por COGAMI a principios do ano 2015 e o concello, dende aquel momento, non foi capaz de atopar unha solución para a reapertura dos baños públicos. Arroxo lembrou que en marzo do ano 2016 o goberno municipal socialista anunciou publicamente que “estaban a buscar unha solución”. Para o BNG – Asembleas Abertas é o momento de que o concello rescate a concesión para volver a adxudicalos e que a reapertura sexa posible.
Na Praza Maior houbo durante décadas uns urinarios soterrados, que foron definitivamente pechados coincidindo coa apertura dos quioscos dotados de aseos; en virtude daquel acordo municipal, os encargados dos quioscos eran os responsables de manter limpos os servizos. “Trátase dun servizo público básico, e os baños que naquel momento se deseñaran eran accesibles o que supuxo un gran avance” finalizou o nacionalista.
Falta de hixiene nos servizos do Concello
Dende o BNG sinalouse a necesidade de incrementar a limpeza nos baños do edificio do concello na Praza Maior que son únicos servizos públicos dispoñibles na contorna. Os baños do concello son utilizados dende o peche dos servizos públicos da praza e no verá o seu uso incrementase, pero o concello carece de persoal de limpeza durante as mañás o que provoca, en moitas ocasións, que os servizos queden practicamente inutilizables.