Ada Blanco “A Feira do Queixo e o Pan de Ousá é unha boa mostra do que Friol é capaz de conquistar”
A candidata nacionalista á alcaldía de Friol gozou da Feira xunto coa vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, e diversos membros do BNG en Friol
Friol, 26 de marzo de 2023.- A candidata do BNG á alcaldía de Friol, Ada Blanco, participou na XXIX Feira do Queixo de Friol e o Pan de Ousá, na que estivo acompañada pola vicepresidenta da Deputación de Lugo e concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, e diversos membros da organización en Friol.
Ada Blanco declarou “a Feira do Queixo de Friol e o Pan de Ousá é unha boa mostra do que Friol é capaz de conquistar, as potencialidades e as oportunidades para desenvolver proxectos de transformación do sector primario son tantas, que podemos acadar un concello con máis dinamismo”
Neste senso, a candidata nacionalista en Friol salientou ”para seguir medrando e apostando polo noso, desde o BNG defendemos a necesidade de recuperar as terras para poñelas a producir, mais tamén, ordenar o noso monte” e incidiu “non podemos deixar de lado a nosa soberanía alimentar e o apoio a xente moza para dar continuidade nos proxectos ligados á actividade agro-gandeira”
Por outra banda, Ada Blanco felicitou a todas e todos os produtores que están a traballar cada día para que Friol sexa unha referencia na produción alimentaria de calidade “sinto orgullo de pertencer a este concello cheo de xente que transforma o que a terra nós dá, por isto, quero darlle as grazas a todas as produtoras e produtores por continuar co compromiso de producir aquí, e amosar que a tradición, o amor polo propio e bo facer son as chaves dunha sociedade que avanza”