O BNG edita un boletín informativo co traballo feito e os proxectos de futuro para o Concello de Lugo
Rubén Arroxo informou que se enviarán 40.000 exemplares que inclúen a presentación da candidatura do BNG
O boletín recolle o traballo elaborado polas cinco áreas da Tenencia de Alcaldía dirixida por Rubén Arroxo
Lugo, 27 de marzo de 2023. O candidato do BNG á alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o BNG de Lugo enviará a todos os domicilios do Concello información sobre o traballo realizado polo grupo municipal nos últimos anos a través da Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo.
O boletín editado polo BNG recolle imaxes do antes e despois das principais actuacións impulsadas polas áreas de goberno que ostentan as concelleiras e concelleiros nacionalistas, como os avances na rúa Quiroga Ballesteros, a Praza de Abastos e o Mercado Municipal ou a Mosqueira.
Arroxo anunciou que se enviarán 40.000 exemplares en papel e farase un envío do boletín en formato dixital para achegar esta publicación a todas as persoas interesadas. Así, as veciñas e veciños de Lugo irán recibindo nos vindeiros días esta publicación por vía postal, que inclúe tamén as principais propostas de traballo do BNG para o vindeiro mandato e as reivindicacións que o BNG está a realizar a outras institucións, como a necesidade de mellores conexións en tren, a recuperación do barrio da Tinería, e a busca dun itinerario alternativo para a Rolda Leste que non implique a destrucción do Parque do Rato.