Adrián Rebollal, candidato do BNG á alcaldía de Pedrafita do Cebreiro
O BNG presenta un proxecto coa convicción de revitalizar Pedrafita apostando nas potencialidades propias
Adrián Rebollal “Pedrafita precisa un novo rumbo, un proxecto que ilusione e que cree esperanza na veciñanza de que existe futuro aquí”
Pedrafita do Cebreiro, 19 de abril de 2023.- A asemblea local do Bloque Nacionalista Galego en Pedrafita do Cebreiro decidiu quen será a persoa designada para encabezar a candidatura nacionalista á alcaldía nas vindeiras eleccións municipais.
A persoa elixida é Adrián Rebollal Brites, veciño de Veiga de Brañas e traballa como comercial de maquinaria agrícola.
Adrián Rebollal declarou “Pedrafita precisa un novo rumbo, un proxecto que ilusione e que cree esperanza na veciñanza de que existe futuro aquí, dinamizar este concello, cun proxecto político con afán de revitalizalo”
Neste senso, o candidato do BNG á alcaldía destacou “temos un potencial agro-gandeiro que pode dar moito máis, dinamizar a transformación de produtos tanto de alimentación como doutras materias, como a madeira, un turismo sostíbel e de calidade, ou impulsar uns servizos públicos de calidade como un SAF digno para persoas usuarias como para as persoas que traballan nel, e o BNG é a única alternativa que confía nas potencialidades de Pedrafita para poder chegar a máis”
“Temos proxecto, temos ilusión e temos a convicción de que Pedrafita ten todo por gañar, por isto o BNG está preparado e sae este 28 de maio a por todas, coas ideas claras; teño claro que moitas veciñas e veciños van ter como referencia este proxecto político”, concluíu Adrián Rebollal.