O ALCALDE DE OUTEIRO DE REI IMPÓN O SILENCIO SOBRE O PROXECTO DE DELIMITACIÓN DE POLÍGONOS
Os nacionalistas acusan ao rexedor do PP de prácticas predemocráticas ao non permitir, por segunda vez, que debata sobre este asunto que afecta numerosas propiedades de veciños e veciñas
Está claro que o PP non quere que se fale deste asunto e dos oscuros motivos que motivaron esta iniciativa unipersonal do alcalde dixo Arcadio Lombao
Outeiro de Rei, 25 de xuño 2014. O BNG denunciou publicamente a actitude predemocrática do alcalde de Outeiro de Rei. O alcalde popular trata de impedir, por segunda vez, que se debata unha moción presentada polo BNG na que se solicita a retirada do proxecto de delimitación de polígonos. O edil nacionalista, Arcadio Lombao, compareceu en rolda de prensa acompañado da resposábel comarcal do BNG, Esther López, para explicar cal é a situación á que se ven sometidos pola intransixencia do rexedor.
O edil nacionalista, Arcadio Lombao, explicou que o BNG presentou, para o seu debate no pleno do concello de Outeiro de Rei, unha moción para esixir a paralización e retirada do proxecto de delimitación dos polígonos do solo urbano non consolidado. Esta moción xa se presentara para o pleno de abril pero en aquel momento o alcalde tamén se negou a aceptar, tan siquera, a votación da urxencia da moción explicou Lombao. O concelleiro nacionalista, Arcadio Lombao, afirmou que en ningún momento o partido popular tivo vontade de debater publicamente sobre este asunto e aproveita a súa potestade para evitar o debate no pleno en engadiu que se trata dun asunto escuro que queren esconder a toda costa.
Os nacionalistas sinalaron que este é un asunto que para o PP vai ter un elevado coste político por que atenta directamente contra os intereses de moitos veciños e veciñas e que se fai por un capricho urbanístico do alcalde que, neste momento, somentes serve para meter á xente en gastos innecesarios. O BNG presentou, ademais, un escrito de alegacións que tampouco tivo contestación por parte do goberno municipal. Os nacionalistas solicitaron reiteradamente que o concello acometese a elaboración dun plan xeral de ordenación para evitar este tipo de arbitrariedades pero o alcalde prefeire manter as normas subsidiarias para facer un urbanismo á carta.
Arcadio Lombao explicou que por decreto da Alcaldía, iniciouse con data 6 de febreiro de 2014, un proceso para a delimitación de polígonos urbáns a ámbalas dúas marxes da NVI, ao seu paso por Outeiro de Rei, o goberno municipal puxo en marcha este proceso de xeito unilateral, sen contar para nada cos propietarios e propietarias dos terreos aos que afecta esta delimitación de polígonos. Este xeito de actuar do goberno municipal creou unha gran indignación entre veciños e veciñas xa que, previamente, non se mantivo ningunha xuntanza para aclarar e chegar a acordos na configuración dos polígonos dixo Arcadio Lombao, edil do BNG.
Actitude predemocrática
A responsábel comarcal do BNG, Esther López, cualificou de actitude predemocrática o feito de que un alcalde trate de impedir e limitar as iniciativas da oposición. Trátase, segundo Esther López, dunha falta de respeto aos veciños e veciñas de Outeiro de Rei. López explicou que esta medida afecta a uns 200 propietarios que está moi preocupados por saber os gastos que lles vai ocasionar esta decisión unilateral do alcalde. En algún caso este proxecto de delimitación de núcleos podería supoñer o derribo de vivendas e edificios públicos.