O BNG PEDIRÁ NO PARLAMENTO GALEGO QUE NON SE PECHEN CAMAS NO HULA

O BNG PEDIRÁ NO PARLAMENTO GALEGO QUE NON SE PECHEN CAMAS NO HULA

Para o BNG non pode ser que un hospital de última xeneración como o de Lugo teña continuos colapsos no serizo de urxencias

“O BNG ten recibido informacións, incluso, de retrasos de varias horas na administración de medicamentos pola falta de persoal nas diferentes plantas” afirmou Cosme Pombo

Lugo, 25 de xuño 2014. O parlamentario lucense do BNG, Cosme Pombo, presentará no Parlamento Galego, novas iniciativas reclamando que non se pechen máis camas no HULA. Para o BNG non hai ningunha xustificación para esta redución, que “só ten como motivación o empeño de Núñez Feijóo de ir debilitando o sistema sanitario público para abrirlle as portas á sanidade privada”. Cosme Pombo referiuse tamén á redución de persoal que está a dar nas plantas que teñen previsto o seu peche e a redución de persoal por mor das vacacións.

Para o BNG deben ser cubertas con contratacións e non co peche de camas, que provoca un deterioro do servizo sanitario, con demoras nos ingresos e acurtando os prazos de estancia nos centros ante a redución de camas. Pombo cuestionou moitas das altas “apresuradas” que se están a dar no Hula en en diferentes servizos tal e como denunciaron dende o sindicato CIG. “O BNG ten recibido informacións, incluso, de retrasos de varias horas na administración de medicamentos pola falta de persoal nas diferentes plantas” afirmou Cosme Pombo.

Pombo referiuse tamén ás presións que están a sufrir algúns facultativos para que dean a pacientes de alta “e así poder cumplir cos ratios de asignación de persoal polo número de doentes”. O parlamentario do BNG criticou a actitude da consellería e acusouna de “total desantención” polas situacións de colapso do servizo de urxencias que están a vivir nun hospital de última xeneración como é o de Lugo. Pombo lembrou que a Xunta pechou 1.200 camas hospitalarias durante os meses de verán, incrementando as listas de espera e non contratando a persoal.

As persoas inscritas nas listas de espera “non o están por capricho” dixo Cosme Pombo que lembrou que “nesa lista hai pacientes con patoloxías graves que precisan de intervencións urxentes e aínda así Feijoo e o seu equipo deciden paralizar  durante catro meses do verán as camas hospitalarias e  condenar a moitos profesionais da sanidade ao paro”. “Son miles as persoas cualificadas, preparadas e con experiencia que poden facerse cargo do traballo durante o verán e que ademais evitarían sobrecargar de traballo ao persoal da sanidade”. O parlamentario nacionalista incidiu na necesidade de contratar persoal ao fin de permitir manter operativas as camas hospitalarias durante os catro meses de verán.

O peche de camas hospitalarias decretado polo Goberno galego en 2014 é o maior dos que se ten producido ata agora, e consolida a tendencia a alza ao longo do Executivo de Feijóo, ata chegar a duplicarse. En concreto, 588 camas pechadas en 2010, 670 en 2011, 787 en 2012, 1.100 en 2013 e 1.200 en 2014.

O BNG PEDIRÁ NO PARLAMENTO GALEGO QUE NON SE PECHEN CAMAS NO HULA