PAZ ABRAIRA CRITICOU A SOLICITUDE DE COMPARECENCIA DO EDIL DE URBANISMO NO VINDEIRO PLENO
O edil de urbanismo e medio ambiente solicitou a súa comparecencia voluntaria ante o pleno para explicar a xestlon do Goberno Municipal na folga do servizo de recollida do lixo
Para o BNG o PSOE busca un lavado de cara por que a súa imaxe quedou gravemente lesionada ante os veciños e veciñas de Lugo
Lugo, a 11 de agosto de 2014. A voceira do BNG, Paz Abraira, criticou o feito de que o edil responsábel de urbanismo cursara unha solicitude de comparecencia no pleno do vindeiro día 1 de setembro. Para Abraira non é normal que Luís Álvarez pretenda comparecer no pleno da corporación despois de que o goberno municipal permanecera escondido durante os dous meses que durou a folga. É unha desfachatez que se negue a falar cos voceiros dos grupos da corporación e agora pretenda facer un lavado de cara no pleno da corporación afirmou a edil nacionalista.
Paz Abraira lembrou que, durante a folga, o BNG reclamou a convocatoria urxente da xunta de voceiros e o goberno municipal desatendeu esta petición. A voceira do BNG no concello de Lugo sinalou que esto demostra que o PSOE busca un lavado de cara por que a súa imaxe quedou gravemente lesionada ante os veciños e veciñas de Lugo. Abraira dixo que no caso de producirse, agardamos que o voceiro do PSOE explique por que o goberno municipal se puxo do lado de Urbaser e por que non se houbo ningunha sanción para esta empresa que incumpriu de xeito flagrante o contrato establecido co concello de Lugo.
Estas declaracións da voceira do BNG producíronse despois de recibir a solicitude de comparecencia do primeiro tenente de alcalde e responsable da area de urbanismo e medio ambiente para comparecer voluntariamente ante o pleno da corporación, do vindeiro día 1 de setembro, co obxectivo de explicar a xestión do Goberno Municipal na folga do servizo de recollida do lixo.