MAITE FERREIRO: "TRAEMOS ESTA MOSTRA AO CENTRO DA CIDADE, FACILITANDO QUE A VECIÑANZA POIDA VISITAR ESTA MOSTRA QUE PON EN VALOR O TRABALLO DAS GANDEIRAS E GANDEIROS E REFORZA O ORGULLO DO RURAL"

Alexandre Penas e Maite Ferreiro inauguraron a mostra gandeira ExpoLugo


Maite Ferreiro: "Traemos esta mostra ao centro da cidade, facilitando que a veciñanza poida visitar esta mostra que pon en valor o traballo das gandeiras e gandeiros e reforza o orgullo do rural"

Ferreiro agradeceu a colaboración das asociacións gandeiras e convidou a achegarse a esta mostra, que está ubicada no Cantiño Nemesio Cobreros ao longo da fin de semana

Alexandre Penas e Maite Ferreiro inauguraron a mostra gandeira ExpoLugo



Lugo,  05 de outubro de 2024. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, acompañada polo edil de Infraestruturas Alexandre Penas, inauguraron a mostra de gandería ExpoLugo A Rural, que reúne animais dunha vintena de razas - autóctonas e foráneas- no Cantiño Nemesio Cobreros, organizado polo Goberno de Lugo en colaboración da área de Medio Rural da Deputación de Lugo.

O responsábel provincial deu a benvida á mostra que, indicou, "pretende poñer en valor o traballo das gandeiras e gandeiros das distintas comarcas. A gandería é o motor do tecido produtivo primario de Lugo e o piar no que se asenta o desenvolvemento económico e social da meirande parte dos concellos da provincia, cun marcado carácter rural".

Maite Ferreiro convidou a todas as persoas de Lugo e ás que nos visiten esta fin de semana "a participar nas diferentes actividades que se ofertan dentro do programa do San Froilán a coñecer a nosa feira agrogandeira, na que o protagonismo é para o gando e para as gandeiras e gandeiros, agricultoras e agricultores, para os alimentos de calidade que producen día a día".

A mostra conta cun amplo programa de actividades formativas e lúdicas, a celebrar tanto no Vello Cárcere como na carpa de Expolugo.

Na xornada de hoxe continúan as actividades do San Froilán coas feiras do Mel e de Olería, "dous eventos xa consolidados no programa, cunha feira de Olería que xa é unha das máis relevantes do estado". As prazas da Soidade e Santo Domingo acollen estes dous eventos, que se complementan coas preto de 30 actividades que dan forma ao programa das festas de hoxe, incluíndo unha nova edición da Verbena Galega d'Antes, a quinta edición do Electronic Lucus Fest ou o 3º encontro de bandas que contará coa Filarmónica de Lugo e a banda de Vilalba.

A xornada rematará cos concertos de Renaldo & Clara, Dollar Selmouni e Artistas del Gremio.

Alexandre Penas e Maite Ferreiro inauguraron a mostra gandeira ExpoLugo