O TENENTE ALCALDE DO CONCELLO DE LUGO, RUBÉN ARROXO, ASISTIU ÁS ACTIVIDADES DA PRIMEIRA XORNADA DAS FESTAS XUNTO COA CONCELLEIRA DE CULTURA, MAITE FERREIRO, DESTACOU QUE "HOXE COMEZA UN INTENSO PROGRAMA CON MÁIS DE 200 ACTIVIDADES ATA O VINDEIRO SÁBADO 12"
O Desfile do Gando e o pregón a cargo de Luz Darriba dan comezo á edición 2024 do San Froilán, a gran festa do outono galego
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, asistiu ás actividades da primeira xornada das festas xunto coa concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou que "hoxe comeza un intenso programa con máis de 200 actividades ata o vindeiro sábado 12"
Os concertos comezarán con Fillas de Cassandra no Seminario, e coa Banda Filarmónica e La Perra Blanco en Santa María
Lugo, 04 de outubro de 2024. O San Froilán 2024 comezou cunha intensa tarde de actividades no centro de Lugo, co desfile do gando e o pregón das festas a cargo da artista multidisciplinar Luz Darriba. Rubén Arroxo, Tenente Alcalde do Concello de Lugo e Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, acompañados por concelleiras e concelleiros e representantes de outras institucións, estiveron presentes nas actividades que deron comezo á nova edición da gran festa do outono galego que contará con máis de 200 actividades que se celebrarán ata o vindeiro sábado 12.
O desfile do gando é xa unha das actividades máis destacadas das festas do San Froilán. Organízase no marco do programa da feira agrogandeira Expolugo A Rural organizada coa colaboración da área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e conta coa presenza de animais das principais razas autóctonas galegas como a Ovella Galega, Cabra Galega, Galiña de Mos, Porco Celta, Cabalo de Pura Raza Galega, Rubia Galega, Can de Palleiro e Galiña Piñeira.
Maite Ferreiro destacou que esta actividade "busca rememorar a orixe gandeira e popular do San Froilán" e destacou o traballo das distintas asociacións "na conservación do territorio e da paisaxe"
A xornada continuou co pregón a cargo da Artista Multidisciplinar Luz Darriba, que conta cunha importante traxectoria artística con máis de 250 exposicións colectivas, 40 exposicións individuais e recibiu numerosas distincións internacionais. Ademais de Cumulum, liderou proxectos como Porta de Alcalá "Unha porta á cultura" (colocación de 40.000 libros na Porta de Alcalá, Madrid 2001) e "Libres avec des ivres" (10.000 libros colocados a modo de enredadeira na sede da UNESCO en París). Forma parte do TFAP (The Feminist art Project), do IMOW (Museo Internacional da Muller), do Museo da Muller de Costa Rica, e formou parte do persoal da revista virtual Foeminas, pioneira no Estado en materia de xénero, participou na elaboración do I Plan de igualdade entre homes e mulleres de Lugo. Actualmente traballa de xeito multidisciplinar cos diarios da viaxe da súa nai como polizón co seu pai a América. Moitos duros para as mulleres, moi duros para a vida.