A área de Cultura achega a Lugo a terceira edición do Encontro de Fanzines e Autoedición VAIA VAIA
Maite Ferreiro: “VAIA VAIA é unha mostra cultural que propón explorar o traballo artístico de particulares e asociacións de xeito participativo e aberto”
VAIA VAIA desenvolverase a fin de semana do 24 e 25 de setembro na praza de Abastos
Lugo, 10 de setembro de 2022. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, presentou a terceira edición Encontro de Fanzines e Autoedición VAIA VAIA, unha proposta cultural que terá lugar a fin de semana do 24 e 25 de setembro. “VAIA VAIA é unha mostra cultural que propón explorar e descubrir o traballo artístico de particulares e asociacións de xieto participativo, colorista, amable e culturalmente aberto e activo”, afirmou a concelleira de Cultura.
”Durante dous días Lugo acollerá unha feira do fanzine e da autoedición, unha reunión pública e aberta a todas as persoas interesadas nas publicacións independentes e autoxestionadas”, explicou Ferreiro, que engadiu “con esta iniciativa queremos abrazar o amateur e abrir as portas ás creadoras de Lugo que aínda non se deron a coñecer ou que nunca se atreveron a participar nun evento destas características”.
O punto de encontro principal de VAIA VAIA será o mercadiño de fanzines que se ubicará na praza de Abastos. Ao mesmo tempo, organizaranse distintas actividades para abarcar contidos que supoñan mergullarse na linguaxe da ilustración, a creación literaria, o grafismo e as artes visuais. Tamén se contará con distintas actuacións musicais para completar a programación do evento.