Rubén Arroxo reúnese con estudantes do campus de Lugo para coñecer de primeira man as necesidades en materia de transportes

O portavoz do BNG afirmou que “precisamos unhas conexións en tren e por autobus que permitan á mocidade vir estudar a Lugo”

Arroxo reclamou á Xunta de Galiza “que iguale as bonificacións no transporte en autobus coas aplicadas no eixo atlántico”

Rubén Arroxo reúnese con estudantes do campus de Lugo para coñecer de primeira man as necesidades en materia de transportes

Lugo, 09 de setembro de 2022. O Portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, reuniuse xunto con representantes da organización Erguer, Estudantes da Galiza en Lugo para coñecer de primeira man as necesidades da comunidade universitaria a respecto do transporte interurbano. Arroxo afirmou que “o transporte interurbano é especialmente importante para a comunidade universitaria, facilitando que as e os universitarios poidan voltar á casa nas fins de semana e nos períodos sen clases”.

“Lugo precisa de boas conexións tanto en autobus como en ferrocarril, un medio de transporte moi demandado mais que en Lugo non conta cunhas conexións dignas”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “a día de hoxe seguimos sen poder viaxar a Compostela por autovía, e as conexións en ferrocarril son cada vez menos, impedíndonos a conexión co resto de cidades galegas”.

Rubén Arroxo afirmou que "os gobernos da Xunta e do Estado teñen que poñer en marcha conexións interiores útiles pensadas para achegar ás galegas e galegos". Para isto, o portavoz do BNG explicou que “o primeiro paso que ten que dar o goberno de Galiza é igualar as bonificacións do transporte por estrada de Lugo co resto de Galiza”. Actualmente, o traxecto en bus interurbano entre Vigo e A Coruña ten un custo de 64 céntimos, mentres que a conexión de Lugo a Compostela, contando as bonificacións actuais, é de case 5€.

O BNG reclama tamén melloras nas conexións de lugo por ferrocarril, apostando por este como o medio de transporte do futuro. Entre as reclamacións do BNG para Lugo, contémplase a posta en marcha da variante de Parga sen dividir a vila, a conexión coa zona norte da provincia,  e a creación dun novo treito entre Curtis e Ordes que permita a conexión directa por ferrocarril entre Lugo e Compostela.

"Lugo é a única cidade de Galiza que non ten conexión directa por tren coa capital do país, un agravio que se resolvería cunha obra de 27 quilómetros", afirmou o portavoz nacionalista

Rubén Arroxo reúnese con estudantes do campus de Lugo para coñecer de primeira man as necesidades en materia de transportes