Felipe Rivas: “o Concello de Lugo inviste anualmente máis de 1.5 millóns nas escolas infantís municipais”
O edil de Educación explicou que “o Concello paga o servizo, mentres que a Xunta de Galiza fai anuncios”
O Concello mantén catro escolas municipais nas que a Xunta non mostra implicación, a pesar de que é unha competencia do goberno galego
Lugo, 06 de setembro de 2022. O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, deu conta do esforzo que anualmente realiza o Concello de Lugo coas Escolas Infantís Municipais.
Rivas explicou que o Concello inviste anualmente máis de 1.5 millóns de euros no mantemento das escolas, “o Concello de Lugo realiza un gran esforzo cada ano no mantemento das escolas infantís, un investimento co que a Xunta de Galiza non colabora”, explicou o edil de Educación.
A educación infantil de 0 a 3 anos é unha competencia directa da Xunta de Galiza, mais o goberno galego aporta, anualmente, menos de 200.000€ do total do custo do servizo.
O concelleiro de Educación afirmou que “desde o Concello de Lugo seguiremos a realizar un gran esforzo económico e administrativo para dar este servizo ás familias, mentres agardamos a que a Xunta se faga cargo das súas competencias e xestione directamente as escolas”.