O BNG propón unha xuntanza co conselleiro de sanidade para tratar o estado da atención primaria en Castro de Rei
A concelleira do BNG, Digna Lagarón, presentou esta proposta para o vindeiro pleno no que esixe que o conselleiro se reúna cos portavoces municipais
Digna Lagarón “é urxente unha xuntanza co conselleiro debido a que os nosos servizos sanitarios aínda se atopan baixo mínimos, cómpre ter explicacións e solucións”
Castro de Rei, 9 de setembro de 2022.- O Bloque Nacionalista Galego presentou unha iniciativa para o vindeiro pleno na que se solicita unha xuntanza urxente co conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña, xunto cos portavoces municipais para tratar a situación que están a atravesar os servizos sanitarios de atención primaria do concello.
Cómpre lembrar que o consultorio de Castro de Rei leva pechado dende antes da emerxencia sanitaria da COVID-19 e o centro de saúde de Castro Ribeiras de Lea continúa baixo mínimos no seu persoal facultativo. Aínda que houbo anuncios de resolver estes feitos tras as mobilizacións que o BNG activou xunto coa veciñanza para defender e esixir que se garantan os servizos sanitarios, a realidade é que nin o goberno da Xunta nin o goberno municipal fixeron nada para solucionar estas eivas.
Por todo isto, o BNG urxe esta xuntanza para aportar solucións aos problemas na sanidade pública. A concelleira Digna Lagarón declarou “a veciñanza de Castro de Rei está sendo privada do seu dereito a unha atención sanitaria digna, por isto, é urxente que o conselleiro nos dea explicacións aos representantes das veciñas e veciños, e que determine cal é o camiño que van ter os nosos centros e que solucións vai aplicar”
Neste senso, a concelleira do BNG destacou “nós imos continuar a facer todo o posíbel para defender a sanidade pública, é preciso frear as políticas de privatización do PP”