Felipe Rivas: “as múltiples e desacertadas declaracións da Federación Veciñal xeraron situacións de odio”
O responsábel local do BNG lembrou que a persoa denunciada por ameazar a Rubén Arroxo é un habitual colaborador da Federación Veciñal, tal e como se publicou
Rivas: “non podemos permitir que se normalicen este tipo de situacións violentas”
Lugo, 09 de setembro de 2022. O responsábel local do BNG, Felipe Rivas afirmou que “desde o BNG non podemos permitir que se normalicen situacións violentas como as ameazas que apareceron nas redes contra o portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo". O concelleiro nacionalista afirmou que “desde a chegada do BNG ao Goberno de Lugo, a Federación Veciñal comezou unha campaña de ataques por todas as vías, chegando agora á vía xudicial”, e engadiu “desde o BNG chegamos para cambiar a cidade, e toda a veciñanza de Lugo pode ver como hai un sector que quere manter as vellas formas, e impedir o avance da cidade”.
“Parécenos lamentable que a asociación que di representar ás veciñas e veciños de Lugo resposte a esta situación cunha denuncia ante o xulgado”, explicou o responsábel do BNG, que lembrou que a persoa denunciada por ameazas é un habitual colaborador da Federación Veciñal, segundo publicaron diversos medios de comunicación nas últimas semanas.
Felipe Rivas lembrou que por parte da Federación comezaron a lanzar mensaxes contra o BNG "cando coa nosa chegada ao goberno decidimos tratar as solicitudes deste colectivo do mesmo xeito que ao resto de veciños, sen ningún tipo de privilexios". “Este tipo de accións axudaron a crear un clima de tensión que permitiu que se chegaran verter ameazas de morte contra persoas por defender ideais políticos diferentes”, afirmou Felipe Rivas.