Maite Ferreiro: “coa instalación dunha serie de paneis na Chanca potenciamos o atractivo turístico da zona”
A Tenencia de Alcaldía realizou unha acción similar á xa executada no barrio da Ponte, en colaboración con Antonio Reigosa e coa ilustradora local Noemí López
Maite Ferreiro: “seguimos a actuar nos barrios da cidade para mellorar a imaxe e o atractivo de Lugo”
Lugo, 08 de setembro de 2022. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto coa concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitou o barrio da Chanca, onde se veñen de instalar unha serie de paneis que recompilan lendas tradicionais sobre a vida do barrio e sobre a cultura do mesmo. Na visita, os edís estiveron acompañados por Antonio Reigosa e Noemí López, que traballaron na realización dos paneis, e con guías turísticas que desenvolven a súa actividade na zona de Lugo, para mostrarlles a nova acción do Goberno de Lugo.
Maite Ferreiro explicou que “queremos potenciar o atractivo turístico desta zona da cidade, que conta cunha longa historia e cun gran potencial, de maneira similar a como fixemos no barrio da Ponte nos pasados meses”, e destacou “a gran calidade das ilustracións de Noemí López e o destacable traballo de Antonio Reigosa no eido da investigación da mitoloxía popular e da tradición oral”.
Maite Ferreiro afirmou que “continuamos desde a área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua a mellorar a imaxe da cidade e a achegar ás veciñas e veciños e a todas as persoas que se acheguen a historia dos distintos barrios, a través de imaxes dunha alta calidade artística”.
Textos colocados nos paneis
A Chanca
Barrio antigo, nacido a carón do Camiño Primitivo de Oviedo a Lugo e do Rato, río con memoria de troitas, curtidurías e artesáns, lavadoiros e canles con que alimentar hortas e muíños.
A ponte, de orixe medieval, salta a corrente que en apenas 4 km. abraza o Miño.
«Ponte pétrea, comedida e sólida, segundo corresponde ás arquitecturas realizadas á medida do home e con sosego».
X. Pardo de Vera, Urbe de Lugo, 1994
Viaduto da Chanca
Impoñente obra con 20 arcos de 10 m. de luz, 298 de lonxiutude e 29 de altura máxima. Feito coas mans de homes e mulleres do barrio, comezou a construirse en 1871 e inaugurouse en 1879 para o camiño de ferro entre Galiza e Castela. O primeiro tren pasou en 1885.
Que ben rechifla o tren
pedindo vía franca...
o tren que vai ou vén
pola ponte da Chanca
Ánxel Fole, El Progreso, 16 de xuño de 1968.
Fonte da Chanca
Desta fonte manou auga ata o primeiro verán do s. XXI. Se cadra repousa, cansa de matar sedes de monturas, viaxeiros e peregrinos que por aquí pasaron antes da saudar a cidade aseados e saciados.
«...probable resto daquelas antigas fontes arcadas, escavadas no talude da vía con fornela e pía primitiva».
Ricardo Polín, Camiño a Lugo. Guía histórica e cartográfica do Camiño Primitivo de Santiago e señorío lucense, 2003.
A Calzada
A vella calzada que nos leva á cidade de Lugo antes era empedrada, estreita e abeirada de valos e casas. Agora, vítima do fervor urbanístico, fica soterrada, cruzada de modernas vías, baixo un manto de alcatrán e cemento.
Esta cidade está feita dun xeito tan singular
que lles dá ben gusto a todos cantos a chegan a ollar
Hermannus Künig, Sannk Jakobs Strabe, 1495.
Carril das Flores
A rúa Carril das Flores, antigo camiño de carro ao abrigo de altos muros e casas de pedra, anuncia a entrada en Lugo pola Porta de San Pedro ou Toledana.
O rei astuariano Afonso II, o Casto, primeiro peregrino que por aquí pasou camiño de Compostela, pisouna, coma ti hoxe, hai mil douscentos anos