A área de Cultura colabora co 2º Encontro de Fanzines e Autoedición VAIA VAIA
Rubén Arroxo: “VAIA VAIA é unha mostra cultural que propón explorar o traballo artístico de particulares e asociacións de xeito participativo e aberto”
VAIA VAIA desenvolverase a fin de semana do 18 e 19 de setembro na contorna do Vello Cárcere
Lugo, 10 de agosto de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, presentou a segunda edición Encontro de Fanzines e Autoedición VAIA VAIA, unha proposta cultural que terá lugar a fin de semana do 18 e 19 de setembro. Arroxo afirmou que “VAIA VAIA é unha mostra cultural que propón explorar e descubrir o traballo artístico de particulares e asociacións de xieto participativo, colorista, amable e culturalmente aberto e activo”.
”Durante dous días Lugo acollerá unha feira do fanzine e da autoedición, unha reunión pública e aberta a todas as persoas interesadas nas publicacións independentes e autoxestionadas”, explicou o Tenente Alcalde, que engadiu “con esta iniciativa queremos abrazar o amateur e abrir as portas ás creadoras de Lugo que aínda non se deron a coñecer ou que nunca se atreveron a participar nun evento destas características”.
O punto de encontro principal de VAIA VAIA será o mercadiño de fanzines que se ubicará na contorna do Vello Cárcere. Ao mesmo tempo, organizaranse distintas actividades para abarcar contidos que supoñan mergullarse na linguaxe da ilustración, a creación literaria, o grafismo e as artes visuais. Tamén se contará con distintas actuacións musicais para completar a programación do evento.