Rubén Arroxo: “evitar efectos graves do cambio climático require de accións globais, mais tamén de traballo a pequena escala desde os concellos”
O Tenente Alcalde destacou as accións realizadas pola área de Mobilidade e Infraestruturas para reducir o impacto ambiental de Lugo
Rubén Arroxo: “a modificación do transporte público está a permitir que moita xente deixe o coche na casa ao contar con novas conexións en bus urbano que facilitan os desprazamentos”
Lugo, 09 de agosto de 2021. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, destacou as accións realizadas pola área de Mobilidade e Infraestruturas desde o ano 2019 para reducir o impacto ambiental producido pola cidade. Rubén Arroxo explicou que “vimos de coñecer un novo informe do IPCC, organismo da ONU encargado de valorar o cambio climático, que afirma que o cambio climático é xa irreversible”. “A situación require de moitas accións a nivel global, mais é preciso tamén traballar a pequena escala desde os concellos e cada persoa de xeito individual para tratar de reducir as consecuencias do cambio climático”, afirmou Arroxo.
O Tenente Alcalde destacou as medidas postas en marcha pola área de Mobilidade e Infraestruturas para facilitar á veciñanza o uso do transporte público, deixando na casa o vehículo privado. As novas liñas supuxeron un aumento do 20% nos percorridos do bus, permitindo conectar máis barrios co HULA, e coas zonas industriais do Ceao e das Gándaras. Rubén Arroxo afirmou que “o aumento de liñas e a mellora de frecuencias facilitan os transbordos, o que permite comunicar de xeito sinxelo todas as zonas da cidade e facilitar que a veciñanza realice os seus desprazamentos máis habituais en bus urbano”.
Desde a área de Mobilidade e Infraestruturas traballouse tamén na mellora de instalacións públicas que permitan o uso de medios de transporte alternativos. “Nos últimos meses puxemos en marcha un plan de calmado de tráfico, que comezou nos entornos escolares e que se ampliou ás zonas máis perigosas da cidade”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “xunto con estas medidas, aumentamos a capacidade de aparcabicis, facilitando que toda a veciñanza que o desexe poida utilizar a bicicleta ou os vehículos de mobilidade persoal como medio de transporte habitual”.
Arroxo destacou tamén as accións realizadas de cara a gañar espazo peonil para o desfrute da veciñanza. O Tenente Alcalde lembrou que “cando se comezou a poder saír á rúa despois do confinamento, vimos que as cidades non estaban deseñadas para contar con espazos peonís amplos, o que complica cumprir coa recomendación da OMS de camiñar 10.000 pasos todos os días”. Rubén Arroxo destacou as accións realizadas para gañar espazos públicos para as persoas, como as peonalizacións xa executadas na rúa Quiroga Ballesteros, na contorna da Praza de Abastos e do Mercado Municipal ou no barrio de Recatelo, ademais dos traballos en execución na contorna da Muralla, coa peonalización do treito da Mosqueira e a ampliación da beirarrúa do treito da Porta de Santiago á rúa Vilalba. “Traballamos tamén para gañar espazos peonís nos distintos barrios, apostando por sistemas como a plataforma única, que permite gañar espazos peonís sen afectar ás prazas de estacionamento, que se poñerá en marcha nos vindeiros meses en Fingoi de Abaixo e na rúa Luís Seoane”.
"Seguimos a traballar desde a área de Mobilidade e Infraestruturas para facer de Lugo un lugar moito mellor para vivir e para visitar, poñendo en marcha iniciativas para mellorar a calidade de vida da veciñanza", rematou Rubén Arroxo