Comezan os traballos de renovación do alumeado público na zona da Residencia
Rubén Arroxo: “seguimos a actuar na instalación de alumeado público da cidade con perspectiva de xénero e reducindo a emisión de CO2 do concello”
Nas vindeiras semanas renovaranse 50 luminarias das rúas Río Ulla, Azalea, Escultor Asorei, Río Lor, Portugal, Amizade e Evaristo Correa Calderón
Lugo, 11 de agosto de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, informou do inicio dos traballos de renovación do alumeado público na zona da Residencia, nas rúas Río Ulla, Azalea, Escultor Asorei, Río Lor, Portugal, Amizade e Evaristo Correa Calderón. “Desde a área de Mobilidade e Infraestruturas seguimos a actuar na renovación da rede de alumeado público municipal, aplicando a perspectiva de xénero para aumentar a seguridade nas rúas e reducindo as emisións de CO2 producidas polo Concello”, explicou Rubén Arroxo.
Con esta actuación eliminaranse en total 50 luminarias de 75, 150 e 250W de distintos tipos altamente contaminantes, como vapor de mercurio ou sodio, mudándose por luminarias LED de distintas potencias segundo a necesidade de cada rúa. O consumo eléctrico pasará de 9.675W a 5.681W, aforrando en total 6.15 Tn de CO2 ao ano. A actuación foi adxudicada por 246.626,27€.
Nos últimos dous anos a área de Mobilidade e Infraestruturas renovou o alumeado en múltiples zonas da cidade, instalando novas luminarias en rúas como a avenida Filharmónica Lucense, que non contaba con alumeado público, e reducindo a cantidade de luminarias con elementos contaminantes, como o vapor de sodio ou de mercurio das instalacións antigas. Desde a área de Infraestruturas continúase a investir na renovación da rede de alumeado, aplicando o criterio da perspectiva de xénero e aumentando a seguridade da vía pública.