MAITE FERREIRO: "ANO TRAS ANO VEMOS COMO O MIHL, POLA SÚA SINGULARIDADE E AS SÚAS CAPACIDADES, É UN DOS ESPAZOS MÁIS RECLAMADOS PARA ESTE PROXECTO"
A área de Cultura e o Colectivo Glovo organizan unha nova edición das residencias artísticas Atopémonos Bailando
Rubén Arroxo e Maite Ferreiro, xunto con integrantes do Colectivo Globo, presentaron os 8 proxectos seleccionados, que chegarán a Lugo desde distinas zonas do mundo para realizar proxectos de investigación relacionados coas artes do movemento nas instalacións da área de Cultura
Entre os meses de abril e novembro, as 8 agrupacións e artistas seleccionadas realizarán unha estadía en Lugo, que rematará cunha representación aberta ao público amosando o traballo realizado
Maite Ferreiro: "Ano tras ano vemos como o MIHL, pola súa singularidade e as súas capacidades, é un dos espazos máis reclamados para este proxecto"
Lugo, 26 de marzo de 2024. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, achegáronse ao MIHL onde anunciaron xunto con integrantes do Colectivo Glovo aos 8 proxectos que desfrutarán dunha estadía en Lugo para realizar un proxecto de investigación arredor das artes do movemento dentro do ciclo de residencias artísticas Atopémonos Bailando, coas que colabora a área de Cultura. A concelleira de Cultura afirmou que "con esta iniciativa consolidamos a Lugo como un dos puntos máis importantes nas artes do movemento", e destacou que "ano tras ano vemos como o MIHL, pola súa singularidade e as súas capacidades, é un dos espazos máis reclamados polas artistas para levar adiante este proxecto".
As 8 residencias que terán lugar en Lugo realizaranse entre os meses de abril e novembro de 2024. Cada unha delas terá unha duración de entre 5 e 10 días, e rematará cunha mostra aberta á veciñanza, onde se amosará o traballo realizado. Dous dos proxectos seleccionados realizarán intercambios con Portugal, e unha achegarase ata Costa Rica.
As 8 artistas e agrupación seleccionadas son:
- Catarina Gameiro e Mariana Frazão · Portugal
- Elvi Balboa · Galicia. Artista seleccionada para o intercambio con Quinzena Dança Almada, Portugal
- Julia Laport · Galicia. Artista seleccionada para o intercambio con Costa Rica
- Mariana Collado e Lucio A Baglivo · Almería/Madrid. Artistas seleccionadas para o intercambio con Teatro Experimental Flaviense de Chaves, Portugal
- Miguel Gendre · Galicia
- Nashira Santanatalia e Gustavo Giménez · Zaragoza
- Alba Fernández Cotelo · Galicia
- Marina Melero · Madrid
A comisión de valoración estivo formada por 7 profesionais das artes do movemento de Galiza, Portugal e Costa Rica, contando con Esther Latorre e Hugo Pereira, directores da compañía de danza Colectivo Glovo e directores do programa de residencias Atopémonos Bailando, Alexandrina Martins, Presidenta Teatro Experimental Flaviense de Portugal, Manfred Rivera, director artístico do Taller Nacional de Danza de Costa Rica, Erick Jiménez e Maruxa Salas, directores da plataforma cultural SóLODOS de Costa Rica e Carlota Machado, Quinzena de Dança de Almada de Portugal
Os obxectivos deste ciclo de residencias son o impulso e apoio á creación e investigación en danza e artes do movemento de compañías de ámbito galego, estatal e internacional, creando un espazo para a realización de residencias de creación e investigación, con especial atención ás creadoras galegas, difundir e achegar os procesos de creación en danza contemporánea á veciñanza a través dunha programación de calidade, diversa, innovadora, internacional, gratuita e a través de programas de apertura de procesos de creación, crear un espazo de formación e práctica en danza contemporánea mediante a realización de obradoiros especializados para públicos xerais ou públicos profesionais e xerar colaboración e traballo en rede de axentes profesionais nacionais e internacionais mediante o intercambio de artistas e información de compañías.