MAITE FERREIRO ANIMOU ÁS NENAS E NENOS LUCENSES "A DEMOSTRAR A SÚA GRAN CALIDADE E SER A IMAXE DO EVENTO CULTURAL MÁIS GRANDE DE LUGO"

A área de Cultura convoca o concurso para escoller o cartaz do San Froilán Miúdo 2025

O artista local Iván Mouronte será o encargado de deseñar o cartaz das festas, grazas á colaboración da Tenencia de Alcaldía coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración
 
A área de Cultura convoca o concurso para escoller o cartaz do San Froilán Miúdo 2025
Lugo, 16 de agosto de 2025. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que o artista lucense Iván Mouronte será o deseñador do cartaz do San Froilán 2025, despois de que a área de Cultura decidise colaborar coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración "para que cada ano sexa un artista de Lugo quen se encargue de dar imaxe á gran festa do outono galego".

Ferreiro afirmou que a área de Cultura tomou esta decisión "despois de que moitas festas que seguían o modelo de concurso tivesen que modificar os carteis debido ao uso de ferramentas como a Intelixencia Artificial", e engadiu "con esta medida queremos promocionar o traballo das profesionais da ilustración de Lugo, dando a súa propia visión ás nosas festas".

Maite Ferreiro confirmou que a Tenencia de Alcaldía seguirá a realizar o concurso infantil de debuxo co que se escolle o cartaz do San Froilán Miúdo. "Animamos ás nenas e nenos de Lugo a seguir participando neste concurso, e agardamos que no futuro as nenas e nenos participantes continúen a adicarse ao deseño de maneira profesional".

Na xornada de hoxe publicáronse no BOP as bases do concurso do San Froilán Miúdo, que gardan un premio de 300€ para a nena ou neno menor de 15 anos que resulte gañador. Os deseños deben presentarse en formato impreso ou dixital, en tamaño A4 a través da sede electrónica ou do rexistro presencial do Concello, no prazo dun mes, e despois será un xurado quen escolla a imaxe do espazo infantil das festas deste ano.
 
A área de Cultura convoca o concurso para escoller o cartaz do San Froilán Miúdo 2025