A área de Cultura convoca a XXV edición do Certame de Narración Curta "Ánxel Fole"
Poderán presentarse obras de entre 50 e 100 folios até o 31 de decembro
A obra gañadora será publicada por Xerais
Lugo, 03 de decembro de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou no día de hoxe a convocatoria do XXV Certame de Narración Curta "Ánxel Fole". Nesta edición, o premio volverá ser de 4.000€, ademais de que a obra gañadora será publicada por Edicións Xerais de Galiza. "Unha cita importante tanto para as nosas escritoras como para a lingua galega", segundo indicou Maite Ferreiro
Poderán presentarse todas as persoas que o desexen, sempre que a obra esté escrita en galego. As obras presentadas poderán consistir tanto nunha novela curta como nun conxunto de relatos, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 100, é dicir, entre 90.000 e 180.000 caracteres con espazos. Cada autora poderá presentar todos os relatos que desexe, en envíos separados.
As obras poderán enviarse ou entregarse presencialmente nas oficinas da área de Cultura até o 31 de decembro. Durante o primeiro trimestre do 2023 coñecerase a obra gañadora. As bases poderán consultarse na web do concello.