O BNG propón a renovación da cuberta do patio no colexio de Monterroso
Esta medida impulsarase a través das emendas do BNG aos orzamentos do 2023 da Xunta de Galiza
Brais Vázquez, membro do BNG en Monterroso “é unha demanda da comunidade escolar a que quere unhas instalacións dignas e seguras para as crianzas”
Monterroso, 05 de decembro de 2022.-O Bloque Nacionalista Galego impulsará no Parlamento galego a proposta de renovación da cuberta do patio e pistas deportivas do CEIP Monterroso. Esta medida inclúese dentro das emendas do BNG aos orzamentos da Xunta de Galiza para o exercicio do 2023.
Na actualidade esta infraestrutura atópase moi deteriorada en parte pola falta de mantemento, o que esta está a dificultar a actividade docente.
“Esta mellora facilitaría de xeito moi importante a actividade educativa e contribuiría, ao mesmo tempo, a aumentar o benestar das alumnas e alumnos no centro escolar” declarou Brais Vázquez, membro do BNG en Monterroso.
Brais Vázquez destacou que esta medida é unha demanda da comunidade escolar “as nais e pais levan moito tempo expoñendo a necesidade dunhas instalacións seguras para as nenas e nenos, mais desde o goberno municipal tampouco se esixiu á Xunta de Galiza a súa reparación nin ningunha medida para mellorar esta infraestrutura”
Do mesmo xeito, Brais Vázquez subliñou “o BNG impulsará esta proposta a través das emendas aos orzamentos, no que esperamos que o Partido Popular non vote en contra dunha mellora básica para a comunidade escolar de Monterroso”