A área de Cultura inaugura a exposición “Combate mural: muller, igualdade e empoderamento”
Felipe Rivas: “nesta exposición a cidadanía que non puido achegarse a desfrutar do combate mural en directo, poderán gozar da calidade dos traballos realizados polas artistas participantes”
Lugo, 10 de decembro de 2020. Hoxe inaugurouse na Sala de exposicións temporais do MIHL, a exposición Combate Mural. “Muller, Igualdade e Empoderamento”. Esta exposición, nace da expectación xerada polos traballos realizados ao longo do I Combate Mural dentro dos actos do Festival Culturbán.
O combate mural urbano que vivimos en Lugo consistía no desenvolvemento dun certame artístico ao aire libre e en directo, no que as persoas participantes contaban cos mesmos medios, mesmo tempo e mesmo tema sobre o soporte mural urbano que nesta ocasión foi “Muller, igualdade e empoderamento”. Trátase, por tanto, dunha fórmula de interacción global coa cidade e cos seus barrios, tanto a nivel urbanístico como social.
O edil de educación e difusión do coñecemento Felipe Rivas sinalou “nesta exposición a cidadanía que non puido achegarse a desfrutar do combate mural en directo ou aqueles que viviron a experiencia do proceso de creación pero non viron o resultado final poderán gozar da calidade dos traballos realizados polas artistas participantes”.
A exposición é o reflexo da esencia do Festival Culturbán no que se amosarán as propostas artísticas vangardistas, participativas e impactantes de artistas e colectivos artísticos urbanos do panorama nacional e internacional.
En palabras de Felipe Rivas: “Todas estas artistas fixeron das nosas rúas o mellor taller de traballo, o mellor lenzo e a mellor galería durante a creación e agora para a súa exhibición queremos que ese arte que naceu na rúa chegue aos nosos museos e se estableza unha comunicación entre público, artistas e museos axudando á dignificación da arte urbana como expresión artística e ferramenta lúdica, respectando e enriquecendo a identidade e o patrimonio urbano. E fomentando o diálogo e o encontro social, a través da arte e dos museos”.
A exposición contará coas obras de Ana Santiso, Jojo, Davixino, Tamara Baz, Elara Elvira, Blanca Escrigas, Miguel Anxo Macía, Iván Mouronte, Sergio Otre, e Xandre Otero e das fotografías de Pepe Saavedra, Bego Pérez e Marcos López que recollen todo o acontecido durante ese día.
Esta exposición inclúe tamén a realización dun obradoiro de arte urbano para nenos e nenas que se realizará no propio MIHL e para o cal nas redes de cultura e do propio MIHL poñeremos proximamente as datas e horarios definitivos así como o xeito de apuntarse para poder participar do mesmo.