A área de Cultura inicia o procedemento para cubrir o posto de dirección da Banda de Música
Maite Ferreiro: “desde o Goberno de Lugo seguimos a manter o noso compromiso para recuperar a normalidade na Banda e na Escola Municipal de Música”
A área de Cultura vén de solicitar ao servizo de Persoal que inicie os trámites para cubrir a praza
Lugo, 20 de outubro de 2020. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, vén de iniciar os trámites para cubrir a praza de dirección da Escola e da Banda Municipal de Música. Maite Ferreiro explicou que “desde a área de Cultura iniciamos o proceso solicitando formalmente ao servizo de Persoal que cubra a praza do xeito máis rápido posible”, e engadiu “noutros casos, este tipo de coberturas realizáronse coa creación dunha lista de substitucións, unha situación que podería aplicarse neste caso”.
O proceso selectivo levado adiante durante o ano 2020 outorgoulle a praza a David Fiuza, que decidiu solicitar unha excedencia do seu posto para dirixir a banda de música de Santiago de Compostela. Ferreiro destacou que “desde o Goberno de Lugo continuamos a manter o noso compromiso para recuperar a normalidade na Banda e na Escola Municipal de Música”
Maite Ferreiro destacou a importancia de cubrir o posto de dirección da Banda. "Lugo non pode permitirse o luxo de ter unha banda, con máis de 140 anos de historia, sen ensaiar e sen tocar por falta de dirección", declarou Maite Ferreiro, que destacou "o traballo de David Fiuza durante estes meses, para manter vivo un servizo ás veciñas e veciños de Lugo a pesares de todas as dificultades".