MAITE FERREIRO: “QUEREMOS CELEBRAR ESTE DÍA DO LIBRO COMPARTINDO AS OBRAS PREFERIDAS DAS VECIÑAS E VECIÑOS DE LUGO”
A área de Cultura lanza a iniciativa #ContosDeLibros para celebrar o día do libro
As persoas que desexen participar poden publicar frases creadas con lombos de libros na etiqueta #ContosDeLibros
Lugo, 23 de abril de 2020. A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua propón unha acción nas redes sociais para celebrar o día do libro. Segundo indicou Maite Ferreiro, “queremos celebrar este día do libro compartindo as obras preferidas das veciñas e veciños de Lugo”.
Durante todo o día, as redes sociais da área de Cultura recopilarán as frases que as veciñas e veciños de Lugo creen cos lombos dos seus libros preferidos e compartan nas redes sociais coa etiqueta #ContosDeLibros. Maite Ferreiro animou ás veciñas e veciños de Lugo “a mostrar a súa creatividade e celebrar unha data importante para a cultura”.
“Seguimos traballando para ofertar alternativas de ocio durante este tempo de confinamento ao mesmo tempo que nos preparamos para retomar a programación cultural unha vez as autoridades sanitarias o permitan”, declarou Maite Ferreiro.