A área de Mobilidade e Infraestruturas avanza na peonalización do barrio de Recatelo
“Buscamos mellorar a imaxe dun barrio histórico da cidade como é Recatelo”, afirmou Rubén Arroxo
Mañá iniciarase o procedemento de contratación das actuacións correspondentes ás rúas Avelino Pousa Antelo e Isaac Díaz Pardo
Lugo, 06 de abril de 2021. O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, informou dos avances realizados de cara á mellora do barrio de Recatelo. Arroxo afirmou que “estamos a traballar na mellora da imaxe dun barrio histórico da cidade, situado entre a Muralla e o Parque de Rosalía”, e destacou que “Recatelo pode ser unha importante zona de paseo, entre o centro e o Parque de Rosalía, e ao mesmo tempo podemos mellorar os servizos e a calidade de vida da veciñanza”.
A Xunta de Goberno de mañá aprobará o inicio do procedemento de contratación da peonalización das rúas Avelino Pousa Antelo e Isaac Díaz Pardo. Arroxo explicou que “con estes traballos daremos un paso adiante na humanización do barrio de Recatelo, engadíndoas aos traballos xa realizados no verán pasado na rúa Vila de Sarria”. Esta actuación sairá a licitación cun orzamento máximo de 260.425,15€, e un prazo de execución de 6 meses.
“Desde o goberno municipal seguimos traballando nunha cidade na que os peóns sexan o centro da mobilidade”, afirmou Rubén Arroxo, que destacou as diversas medidas postas en marcha para este fin “como a realización de pasos de peóns elevados ou as distintas peonalizacións que se están a levar a cabo e a proxectar”.