A área de Mobilidade e Infraestruturas continúa co plan de calmado de tráfico nos entornos escolares
7 novos pasos de peóns elevados únese ao traballo xa realizado na contorna de 12 centros de ensino
“Esta intervención permitirá que a practica totalidade dos entornos escolares da cidade conten cun tráfico calmado”, afirmou Rubén Arroxo
Lugo, 04 de febreiro de 2021. O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitaron os novos pasos de peóns elevados que se comezaron a realizar estes días, seguindo co plan de calmado de tráfico en entornos escolares iniciado pola Tenencia de Alcaldía desde a chegada ao goberno municipal. “Buscamos un tráfico calmado, aumentando a seguridade da veciñanza da contorna e das nenas e nenos que diariamente asisten aos colexios durante o curso”, afirmou Rubén Arroxo.
Nesta fase realizaranse elevacións nos pasos de peóns da avenida Ramón Ferreiro e Aviación Española, nas proximidades do Colexio Rosalía de Castro, en Venancio Senra, atendendo á zona do novo colexio do Sagrado Corazón e na rúa Erín complementando os dous pasos de peóns realizados previamente na contorna dos colexios Illa Verde e Fingoi. O Tenente de Alcalde explicou que “no caso da rúa Erín, para aumentar a seguridade da contorna, desplazarase o paso de peóns a un punto con maior visibilidade”.
A área de Mobilidade inviste 48.279€ nesta intervención, “que permitirá que a práctica totalidade dos entornos escolares da cidade conten cun tráfico calmado”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “desde o goberno municipal avanzamos cara a un Lugo no que as persoas sexan o centro da mobilidade, cun tráfico calmado e menos vehículos a motor nas rúas”.