A INDICACIÓN DE CAMIÑAR POLA BEIRARRÚA DEREITA ESTÁ CONTEMPLADA NO CÓDIGO DE CIRCULACIÓN

A área de Mobilidade pide á veciñanza que camiñe pola beirarrúa dereita

Rubén Arroxo: “trátase dunha medida que se volve importante nestes días para respectar a distancia entre persoas”

A área de Mobilidade pide á veciñanza que camiñe pola beirarrúa dereita

Lugo, 28 de abril de 2020. O Tenente de Alcalde, e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, lembrou que código de circulación establece a indicación de que os peóns circulen pola beirarrúa do lado dereito. Rubén Arroxo pediu ás veciñas e veciños “que camiñen polo lado dereito nas beirarrúas, cumprindo con esta norma”.

“Os xogos de rúa do proxecto Tecendo Brincadeiras que se comezarán a pintar mañá orientaranse de cara a cumprir esta medida e así axudar á veciñanza a lembrala”, declarou Rubén Arroxo, que engadiu “Hai que ter en conta que esta medida se volve importante nestes días, porque permite respectar a distancia entre persoas en todas as rúas”.

Rubén Arroxo agradeceu “o compromiso da veciñanza de Lugo co cumprimento das normas emitidas polas diferentes administracións durante a vixencia da emerxencia sanitaria”. O Tenente de Alcalde animou a toda a poboación “para que Lugo siga sendo un exemplo de actuación veciñal”.

A área de Mobilidade pide á veciñanza que camiñe pola beirarrúa dereita