ARROXO DIXO QUE IMPLANTAREMOS CLAUSULAS SOCIAIS NOS CONTRATOS DO CONCELLO COAS EMPRESAS
Tras unha xuntanza con representantes da CIG, o candidato do BNG-Asambleas Abertas afirmou que é obriga das administracións públicas xogar un papel relevante na xeración de emprego e en mellorar as condicións laborais
O BNG xa ten demostrado, coa súa participación no goberno da Deputación, como é posible obrigar ás empresas a respetar os dereitos laborais dos traballadores afirmou Rubén Arroxo
Lugo, 22 de marzo 2015. O candidato do BNG-Asambleas Abertas, Rubén Arroxo, acompañado da voceira do BNG no concello de Lugo, Paz Abraira, mantivo unha xuntanza con representantes da CIG que lles presentaron unha proposta emanada dende a federacion da construción e madeira para a inclusión de cláusulas sociais nos contratos de obras do sector público. Rubén Arroxo sinalou que as administracións públicas, por medio da contratación de obras e servizos, interveñen directamente na dinamización da vida económica e social do país e a contratación de obra pública, máis alá da función instrumental para cubrir determinadas necesidades, debe contemplarse como posibilidade de mellora do emprego, da calidade do mesmo e como elemento activador das potencialidades económicas.
Arroxo incidiu en que temos a obriga de velar para que os recursos públicos, que pertencen a toda a xente, sexan usados de acordo coa legalidade e se impida facer uso fraudulento dos mesmos, mediante calquera práctica especulativa ou que conculque dereitos dos traballadores/as. O candidato do do BNG-Asambleas Abertas sinalou que as empresas que traballen para o concello de Lugo non poderán facer o que lles dea gana cos seus traballadores e engadiu que o BNG xa ten demostrado, coa súa participación no goberno da Deputación, como é posible obrigar ás empresas a respetar os dereitos laborais dos traballadores.
Apostamos decididamente pola inclusión de cláusulas sociais nos procedementos de contratación de obras públicas dixo Rubén Arroxo que lembrou como a obra pública está, a día de hoxe, baixo sospeita polos innumerables casos de corrupción asociados á mesma e engadiu que temos que temos que loitar para eliminar as malas prácticas empresariais. Para o BNG-Asambleas Abertas as administracións públicas, en lugar de desentenderse das condicións de traballo, teñen a obriga de ser exemplares, e tamén exemplarizantes, no cumprimento da lexislación nas obras executadas baixo a súa responsabilidade. Arroxo dixo que non existen normas europeas nin estatais, que impidan a introdución de cláusulas de salvagarda de dereitos sociais e laborais nos pregos de procedementos de contratación.