EFRÉN CASTRO PRESÉNTASE COMO CABEZA DE LISTA DO BNG-AA A PRIORIDADE É ACAR A SARRIA DA PARÁLISE"
O portavoz nacional, Xavier Vence, salientou o potencial turístico e agrogandeiro, claves para o desenvolvemento económico de Sarria
Dúas mozas, Mónica López e Paula Arias, ocupan o segundo e o terceiro posto dunha candidatura renovada nun 70%
Sarria, 18 de Marzo de 2015.- O BNG-Asembleas Abertas presentou o primeiro tramo da súa candidatura ás eleccións municipais do 24 de maio en Sarria, amplamente renovada, que encabeza Efrén Castro, que se fixa como prioridade sacar Sarria da parálise na que está instalado pola ineficacia política do goberno do PP nesta última lexislatura e apostar polos sectores económicos que permitan xerar emprego, en particular o agrogandeiro, turístico e comercio local.
O candidato nacionalista, gandeiro e empresario da hostalería, de 32 anos, considera que os veciños e veciñas de Sarria non queren máis prepotencia no Concello, senón a coherencia, traballo e honradez que só garante o Bloque.
Nun acto arroupado polo portavoz nacional, BNG, Xavier Vence, a número dous da candidatura, Mónica López, e o actual concelleiro do BNG, Xermán Arias, presentou unha candidatura renovada nun 70% que aspira impulsar un cambio na vida política de Sarria. Os nacionalistas preséntanse como garantía para que o Concello estea ao servizo de toda a cidadanía e non dos intereses persoais de ningún candidato e comprométense a traballar na defensa do interese xeral dos veciños e veciñas de Sarria
Neste sentido, Vence subliñou que o proxecto que presenta BNG-Asambleas Abertas aposta polo desenvolvemento económico do municipio que ten no sector agrogandeiro e no sector turístico, -con Sarria no corazón do Camiño de Santiago-, dúas actividades económicas chave para a xeración de actividade e emprego no Concello.
Temos que apostar pola economía local, pola produción dos nosos gandeiros e gandeiras e polo comercio de proximidade, impulsando todas as medidas que permitan apoiar os sectores produtivos deste Concello, que ten no sector agrogandeiro e no turismo dous piares básicos, argumentou.
Prezos xustos para os produtores agrarios locais, en particular no prezo da leite, e medidas que aporten valor engadido aos produtores locais, figuran entre as propostas do BNG-Asembleas Abertas, así como medidas de axuda ao sector servizo, que ten unha gran capacidade de xerar emprego, explicou.
Fomento do emprego
Na mesma liña, o candidato cualificou de fundamental que as veciñas e veciños de Sarria non teñan que marchar obrigatoriamente para comezar o seu futuro, apostando por un viveiro de novas empresas, un plan de emprego a longo prazo, fomentando o emprego nas empresas que temos aquí ou promovendo o autoemprego, propuxo.
Candidatura nova e preparada
Castro destacou que se trata dunha candidatura preparada e renovada, tanto en caras como por idade, á que só move a forza de traballo e o orgullo de ser sarriaos e sarriás e de pelexar pola mellora do pobo no que vivimos por enriba dos intereses particulares e das confrontracións persoais.
Apostamos por outra forma de desenvolvemento, mirando cara as potencialidades do noso rural e do pequeno comercio. Apostamos por converter a Sarria nun referente como o son outras vilas nas que goberna o Bloque. Pensemos no desenvolvemento urbanístico, nos servizos sociais e a política cultural de concellos como Allariz, Pontevedra ou, sen ir máis lonxe, e perto de Sarria, A Pobra do Brollón, puxo como exemplo a seguir.
Garantía de seriedade e honradez
Castro dixo que recolle o testemuño dos compañeiros e compañeiras que levan traballando todo este tempo atrás con honradez, constancia e adicación continua. Especial mención mereceu o actual concelleiro do BNG, Xermán Arias, a quen presentou como exemplo de coherencia, traballo e honradez.
Servizos sociais públicos
Tamén subliñou que o BNG-Asembleas Abertas defenderá servizos sociais públicos e accesibles para todo o mundo, e contra as privatizacións para favorecer os intereses das empresas amigas. Criticou o abandono ao que o goberno do PP ten sometida a Sarria non hai máis que pasear polas parroquias ou por calquera rúa da vila para comprobar o lamentable estado no que se atopan as estradas, parques e mesmo o mobiliario urbano.
Fronte a isto defendeu que o BNG traballará todos os días do ano para construír entre todas e todos unha Sarria habitable, con calidade de vida, e non só os dous meses previos ás eleccións municipais para caciquear votos como está a facer o PP.