Arroxo: “o Festival de Teatro Grecolatino organizado pola concellería de educación é único en toda Galiza”
O Tenente Alcalde acudiu esta mañá ao Auditorio Municipal Gustavo Freire, onde se está a celebrar a última xornada deste festival que conta coa participación de 25 institutos galegos
O auditorio acolleu a centos de estudantes de instituto chegados de distintas zonas de Galiza
Felipe Rivas anunciou a apertura do prazo de solicitude de prazas nas Escolas Infantís Municipais
Lugo, 07 de marzo de 2023. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Educación, Felipe Rivas e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, achegáronse ao Auditorio Municipal Gustavo Freire onde a Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento e a Sociedade Española de Estudos Clásicos están a organizar unha nova edición do festival xuvenil de teatro grecolatino. Arroxo destacou que esta cita “é única en toda Galiza e no estado”, e permite “achegar ao estudantado, dunha maneira vívida, textos dramáticos, tráxicos ou cómicos".
O Festival de Teatro Grecolatino de Lugo é un evento creado en 2001 pola Sección Galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos co propósito inicial de achegar as grandes obras do teatro grego e romano clásico aos estudantes do Ensino Secundario. A convocatoria está aberta a miles de estudantes de Galiza e doutras zonas do estado acoden cada ano a este festival. Este ano, contouse coa presencia de estudantes de 25 institutos galegos.
Trátase dunha actividade única no estado, que facilita que o estudantado de ensino medio teñan a oportunidade de achegarse ao teatro e gozar das obras clásicas que levan producindo sensacións no público desde hai 2.500 anos.
Cada un dos rapaces que asistan, recibirán un libro que servirá como instrumento de traballos e reflexión despois das representacións. As representacións celébranse en horario lectivo, e convídase a acudir ao estudantado de secundaria e bacharelato de toda Galiza. Cada ano cóntase coa participación de grupos de Grego e Latín de distintos centros.
Escolas Infantís Municipais
O edil de Educación, Felipe Rivas, anunciou que veñen de publicarse no BOP as bases para a concesión de prazas nas Escolas Infantís Municipais.
As familias interesadas poden presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 4 de abril, a través da sede electrónica ou no rexistro presencial do Concello de Lugo.
A información do procedemento pode consultarse no BOP do 7 de marzo, no Taboleiro de Anuncios do Concello de Lugo, nas Escolas Infantís Municipais e nas oficinas da Concellería de Educación, e inclúese a gratuidade da atención educativa para todas as nenas e nenos.