Rubén Arroxo convida á conselleira de Infraestruturas e á candidata do PP a coñecer o Parque do Rato
O candidato do BNG amosou a súa sorpresa “dado que a modificación do proxecto anunciada pola Xunta non reduce o impacto ambiental no Rato”
Arroxo: “ofrecémonos a amosarlle o paseo do Rato tanto á conselleira como á candidata do PP na data que elas escollan”
Lugo, 06 de marzo de 2023. As concelleiras e concelleiros do BNG, xunto con integrantes da candidatura ás vindeiras eleccións municipais anunciaron en rolda de prensa que o BNG enviará un convite á conselleira de Infraestruturas e á candidata do PP á alcaldía de Lugo para guiar un paseo polo Parque do Rato para, segundo explicou Rubén Arroxo, “facilitar que coñezan este entorno natural privilexiado”.
Arroxo amosou a súa sorpresa polo proxecto anunciado pola conselleira os pasados días en Lugo “dado que as modificacións anunciadas non reducen o impacto ambiental da Rolda Leste sobre o Rato”. Arroxo explicou que o proxecto presentado continúa a propoñer a construcción dun viaducto de 120 metros sobre o parque do rato, destruíndo máis dun quilómetro de bosque autóctono, e construíndo un recheo de máis de 20 metros de altura sobre o Rego de Samai.
Arroxo afirmou que a primeira alternativa a poñer en marcha mentres se estuda un percorrido alternativo é “destinar os máis de 20 millóns de euros de orzamento da Rolda Leste na recuperación do Barrio da Tinería, algo que Lugo si que necesita actualmente e que mellorará enormemente a imaxe da cidade”.
Ante as preguntas dos medios, Arroxo explicou que “é preferible que non se faga a Rolda Leste a que se faga con este trazado, destruíndo o parque do Rato”, e afirmou que “o persoal técnico da consellería de Infraestruturas debe estudar un trazado alternativo que non afecte ao Parque do Rato”.