A Tenencia de Alcaldía lembra no 8 de marzo ás dúas mulleres que máis anos levan asistindo ao Mercado Tradicional
Manuela González Mendoza e Celsa Rodríguez Trigo foron as dúas mulleres homenaxeadas este ano pola área de Participación
O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo xunto con Cristina López, concelleira de Participación, foron os encargados da homenaxe
Lugo, 08 de marzo de 2022. No 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, a concellería de Participación e Servizos para a Veciñanza que dirixe Cristina López realizou un recoñecemento ás dúas mulleres que máis anos levan atendendo postos na Praza de Abastos e no Mercado Tradicional. Rubén Arroxo, xunto coas concelleiras e concelleiros da Tenencia de Alcaldía asistiron ao acto de lembranza destas dúas mulleres que forman parte da historia da Praza e do Mercado.
A área de Participación recoñeceu a labor de Manuela González Mendoza, de 85 anos, que leva asistindo ao Mercado Tradicional dos martes e venres desde nena, cando acompañaba á nai á Praza de Abastos, e a Celsa Rodríguez Trigo, que na actualidade ten 87 anos e que durante máis de 40 anos atendeu á veciñanza de Lugo nunha das carnicerías da Praza de Abastos, actividade que continúa a desenvolver a súa familia..
Cristina López destacou “o esforzo destas dúas mulleres ao longo dos anos, que axudaron a que o Mercado e a Praza de Abastos de Lugo sexan actualmente dous espazos de gran importancia para a veciñanza”.