Arroxo: "neste mandato desde a Tenencia de Alcaldía renovamos por completo o barrio das Gándaras"
O Tenente Alcalde fixo valoración do traballo executado polo goberno nas Gándaras, "un exemplo do noso modelo de atención ás zonas periurbanas"
Durante este mandato executouse polo menos unha actuación en todas as rúas do barrio
14 mar. 2023 - 13:20
Lugo, 13 de marzo de 2023. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, fixo balance do traballo executado desde o Goberno de Lugo no barrio das Gándaras durante o presente mandato. Arroxo explicou que "nestes anos as Gándaras converteuse no modelo que desde o Goberno de Lugo aplicamos nos barrios e nas zonas periurbanas da cidade", e engadiu "a atención á veciñanza independentemente da zona da cidade na que resida é un dos piares do traballo que executamos desde o goberno".
Durante este mandato, o Goberno de Lugo realizou múltiples intervencións en todas as ruas do barrio das Gándaras, renovando o asfaltado, o alumeado público, instalando elementos de calmado de tráfico ou mellorando as beirarrúas e os espazos peonís, "dando forma a un plan integral que executamos neste barrio e que continuaremos a aplicar en todas as zonas periurbanas de Lugo", declarou o Tenente Alcalde. Entre as actuacións realizadas no barrio destacan o asfalto de máis de 30 rúas ou a renovación do alumeado, instalando luminarias LED, ademais da actuación na contorna do campo de fútbol. Arroxo afirmou que "no resto de barrios tamén traballamos en renovar o asfalto e o alumeado, onde destacan zonas como Galegos, Castelo ou Albeiros"
"Continuamos a traballar na mellora dos barrios da cidade e das zonas periurbanas, mellorando a calidade de vida das veciñas e veciños que a diario utilizan estas rúas", afirmou Arroxo, que engadiu "desde a concellería de Infraestruturas planificamos o traballo a realizar tendo en conta as solicitudes das veciñas e veciños, que son quen coñecen de primeira man as necesidades da zona na que viven".