O BNG presenta este xoves a súa candidatura en Lugo nun acto que contará coas intervencións de Rubén Arroxo e Ana Pontón
Arroxo “imos a por todas para seguir cambiando Lugo, convertendo a cidade nun lugar mellor no que vivir”
O acto terá lugar no salón de actos do instituto Lucus Augusti (Masculino) este xoves ás 20:00
Lugo, 14 de marzo de 2023. O BNG convida a toda a veciñanza de Lugo ao acto público de presentación da candidatura nacionalista ás eleccións do vindeiro 28 de maio, nun acto que contará coa presencia da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Arroxo convidou á veciñanza a asistir a este acto, “o punto de partida para unha campaña na que imos a por todas para seguir cambiando Lugo e convertendo esta cidade nun lugar mellor”.
A presentación da candidatura do BNG terá lugar o vindeiro xoves, 16 de marzo a partir das 20 horas no salón de actos do IES Lucus Augusti (antigo Masculino), e contará coas intervencións das integrantes da candidatura do BNG, xunto co candidato á alcaldía, Rubén Arroxo e Ana Pontón, portavoz nacional do BNG.
Rubén Arroxo destacou "a incorporación de mocidade e de persoas que teñen unha recoñecida traxectoria profesional en diversos ámbitos" na candidatura do BNG, e afirmou que “contamos cunha gran implicación social das integrantes, o que se demostra coa súa participación en movementos culturais, veciñais, sociais e sindicais”.