Arroxo: “nos últimos 4 anos co BNG no goberno, Lugo deu un gran cambio para ben,no vindeiro mandato continuaremos o cambio desde a alcaldía”
O candidato do BNG valorou o último goberno ao comezo do último pleno ordinario do mandato
“Lugo é unha cidade que camiña cara adiante, e no vindeiro mandato, co BNG á fronte da Alcaldía, Lugo continuará a mellorar”, afirmou Arroxo
Lugo, 27 de abril de 2023. O candidato do BNG á Alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, fixo balance á entrada do último pleno ordinario do mandato dos cambios que experimentou Lugo nos últimos catro anos. Arroxo destacou o “evidente cambio” que deu a cidade de Lugo, “levando adiante proxectos importantes tanto para o Concello como para a veciñanza”.
Rubén Arroxo afirmou que “neste mandato leváronse adiante as transformacións que Lugo levaba anos pedindo, desde a tenencia de alcaldía fixemos que esta cidade camiñe cara adiante”, e engadiu “levamos adiante este cambio levando a tenencia de alcaldía, e a partir do 28 de maio continuaremos a transformar a cidade desde a Alcaldía de Lugo”.
Arroxo afirmou que "non se pode falar deste mandato sen mencionar os cambios no espazo público", e engadiu "a pandemia que atravesamos durante estes anos fixo que moitas persoas se desprazasen das grandes cidades ao rural, decatándose de que as cidades non estaban pensadas para as persoas, e que o espazo público estaba deseñado para os coches e non para os peóns". O candidato do BNG destacou "o avance de Lugo" neste período, con 15 novas rúas peonís tanto no centro da cidade como nos distintos barrios, 18.000 metros cadrados de novos espazos peonís en zonas como a Milagrosa, o Sagrado Corazón, Recatelo, Acea de Olga ou a Piringalla.
O BNG traballou tamén no calmado do tráfico, "para cumplir, desde o minuto 1, o compromiso de mellorar a seguridade no espazo público", afirmou Arroxo. A área de Mobilidade iniciou, ao comezo do mandato, un plan de tráfico nas contornas escolares, o que provocou un efecto chamada en todos os centros de ensino de Lugo, que reclamaron intervencións nos seus entornos. "Seguiremos avanzando para que non haxa nin un só punto da cidade no que ser un peón sexa motivo de inseguridade ", anunciou Arroxo.
"Temos a muralla máis antiga do mundo que se conserva na súa totalidade, é un monumento que, polo seu contexto histórico, é moito máis importante que a torre Eiffel ou a Estatua da Liberdade", afirmou Arroxo, que afirmou que "sería inconcebible ver 15.000 coches diarios rozando as pirámides de Guiza, mais en Lugo facíano coa muralla máis antiga do mundo que se conserva completa".
"Imos seguir protexendo a Muralla, retirando vehículos do seu redor, porque a Muralla no futuro será peonil", afirmou Rubén Arroxo, que destacou "hoxe a Muralla xa rexistra 4.000 vehículos diarios menos, e seguiremos traballando para reducir o tráfico".
"Seguimos a apostar pola cultura local, apoiando o traballo das e dos artistas de Lugo e recoñecendo a súa calidade, malia que a oposición diga que son grupos de escaso nivel", afirmou Rubén Arroxo, que engadiu "seguiremos a encher as rúas e prazas de actividade cultural, porque a cultura ten que estar na rúa, ao alcance da veciñanza, tal como fixemos e seguiremos facendo".
Rubén Arroxo destacou o traballo realizado durante este ano de cara a dinamizar a Praza de Abastos e o Mercado Municipal. "Hoxe podemos ver estes espazos cheos de vida, ocupados por novas xeracións de vendedoras e vendedores que continúan a achegar productos de calidade a estas dúas instalacións históricas que contan cun emprazamento totalmente renovado", afirmou Arroxo