Arroxo: “a Xunta de Galiza debería aprender do traballo feito pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e poñer en valor a Tinería”
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo parabenizou á Vicepresidencia por “conseguir que a torre de Caldaloba, un símbolo da historia da Galiza, sexa público”
Rubén Arroxo instou á Xunta de Galiza “a poñerse ao día coa renovación do barrio da Tinería, un barrio que conta con edificios máis antigos incluso que a propia torre de Caldaloba”
Lugo, 28 de xullo de 2022. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, parabenizou á Vicepresidencia da Deputación de Lugo polo anuncio da recuperación e posta en valor da Torre de Caldaloba. Arroxo afirmou que “a Torre de Caldaloba é un símbolo da historia de Galiza que agora pasa a ser un ben público, avanzando na recuperación do patrimonio histórico das galegas e galegos”. Arroxo instou á Xunta de Galiza “a aprender do traballo feito pola Vicepresidencia da Deputación e retomar a posta en valor do barrio da Tinería”.
O Tenente Alcalde destacou que “a Tinería é unha zona histórica de Lugo, que conta con edificios incluso máis antigos que a propia Torre de Caldaloba, como é o Pazo de Dona Urraca, completamente abandonados”. Arroxo afirmou que “é preciso retomar o proxecto de rehabilitación deste barrio, despois de 12 anos de abandono do Partido Popular". O Tenente Alcalde afirmou que “mentres desde o Goberno de Lugo traballamos para mellorar a imaxe da cidade e da contorna da Muralla, a Xunta de Galiza continúa a deixar esta zona da cidade abandonada”.
Rubén Arroxo lembrou que o proxecto orixinal foi impulsado polo BNG cando tivo responsabilidades no goberno galego fora merecente do Premio Dubai de Boas Prácticas outorgado polas Nacións Unidas. O citado premio valoraba a recuperación do patrimonio por unha iniciativa pública, a rehabilitación e rehabitación dun barrio á carón da Muralla de Lugo. Os investimentos foron paralizados coa chegada do PP ao goberno da Xunta.