Avanza a construción do paso peonil entre Meilán e Garabolos
Con esta actuación, a Tenencia de Alcaldía mellora a conexión das zonas rural e urbana, mellorando o camiño entre a rúa dos Chaos e Garabolos
Arroxo: “en poucos días a veciñanza poderá desfrutar deste camiño completamente habilitado”
Lugo, 03 de febreiro de 2023. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, visitou a zona de Garabolos, onde a Tenencia de Alcaldía está a habilitar un paso peonil seguro que comunique esta zona con Meilán. Arroxo explicou que “trátase dunha intervención que permitirá mellorar a unión entre a zona rural e a zona urbana de Lugo de maneira accesible, ao mesmo tempo que damos resposta a unha solicitude da veciñanza, que ata o de agora non contaba cunha ruta peonil axeitada”. O Tenente Alcalde informou que “nos vindeiros días poderase desfrutar deste camiño completamente habilitado”.
O treito a mellorar corresponde á unión entre a rúa dos Chaos, en Meilán, coa Avenida de Garabolos, unha zona na que actualmente existe un camiño de terra de ancho moi escaso. Os traballos que executará a Tenencia de Alcaldía consisten na habilitación de novas beirarrúas de formigón ruleteado en todo o treito, o que facilitará unha maior adherencia e aumentará a accesibilidade.
O ancho de todo o percorrido variará entre o 1,40 e os 2 metros, segundo a orografía do terreo. O acabado terá cor verde, o que facilitará unha mellor integración no entorno. Nas zonas xunto aos pasos de peóns, disporanse baldosas de botóns e direccionais, de acordo á normativa vixente.
“Seguimos traballando para mellorar a unión da zona urbana co rural, facilitando que a veciñanza conte con camiños que garantan a accesibilidade”, explicou Arroxo, que engadiu “nestes anos realizamos este tipo de camiños en Albeiros e Castelo, e continuaremos a traballar na comunicación peonil segura e accesible das zonas periurbanas”.