Cristina López: “a cita previa permite organizar mellor a atención que o Concello presta á veciñanza”
A edil de Participación afirmou que “solicitando cita previa as persoas que se achegan ao Concello saben en que momento van ser atendidas, evitando as longas esperas do modelo anterior”
“A proposta de Ciudadanos levaríanos a aumentar o tempo de espera nos distintos servizos”, explicou Cristina López
Lugo, 03 de febreiro de 2023. A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, afirmou que “o sistema de cita previa permite que os distintos servizos den unha mellor atención ás persoas que precisan realizar trámites no Concello”. “Solicitando cita previa, a veciñanza sabe en que momento vai ser atendida, evitando as longas esperas que se vían nos distintos servizos antes de implantar este sistema”, explicou a edil de Participación, que engadiu “a proposta do grupo municipal de Ciudadanos de eliminar a cita previa levaríanos a aumentar o tempo de espera pola atención no servizo”.
López lembrou que os servizos antenden tamén sen cita previa ás persoas que se acheguen ao Concello “no primeiro oco libre dispoñible”, e afirmou que “para a maioría de servizos pode obterse cita no mesmo día ou como moi tarde, para o seguinte”.
O sistema de cita previa está dispoñible para os servizos de Cemiterio, Estatística, Información ao Consumidor, Rexistro e Tarxeta Cidadá. Para solicitar a cita, deberase iniciar o procedemento a través do formulario habilitado na web concellodelugo.gal, seleccionando o servizo ao que se dirixe e o tipo de trámite a realizar, e escoller a data e hora desexada para presentarse no Concello. Despois deberanse cubrir os datos persoais da solicitante, incluíndo un teléfono de contacto e un correo electrónico, medios aos que chegará unha mensaxe confirmando a reserva da cita.
A través do mesmo trámite da web do Concello, pode eliminarse unha cita solicitada previamente, liberando a hora para que outra persoa poida asistir a realizar un trámite nese momento. Cristina López afirmou que "queremos facilitar á veciñanza o acceso aos trámites presenciais no concello, garantindo que todas as persoas poidan ser atendidas de maneira fluída e sen retrasos".