Avanza a peonalización de Gallego Tato
Alexandre Penas: “esta rúa será o modelo no que fixarse á hora de deseñar as contornas escolares”
Esta actuación executarase nunha zona importante da cidade onde conflúen instalacións deportivas, centros de ensino, zonas verdes e o Centro Social da Piringalla
Lugo, 13 de novembro de 2022. O edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas visitou a rúa Gallego Tato, no barrio da Piringalla, onde continúan a avanzar os traballos de peonalización que permitirán continuar a avanzar na renovación das contornas escolares. Penas explicou que “os traballos avanzan a bo ritmo segundo o planificado polo persoal técnico, e xa se pode comezar a ver o cambio que experimentará esta rúa unha vez rematen os traballos”
Con esta actuación crearase unha nova zona de estancia, onde se instalarán bancos, mesas e fontes, xunto con árbores e arbustos, que xerará un ambiente máis saudable e con zonas de sombra no verán. O proxecto de obra define a nova zona como oasis no tecido urbano, dado que propón a implantación de material vexetal como elemento acondicionador da nova zona, co obxectivo de mellorar a calidade ambiental na contorna do colexio.
“Este proxecto será o espello no que continuar avanzando na humanización dos centros de ensino, tal e como nos veñen solicitando tanto as directivas como as asociacións de nais e pais dos distintos centros”, explicou o concelleiro, que engadiu “seguiremos traballando para continuar a humanizar e embelecer a cidade creando espazos útiles para a as persoas”.
Penas destacou que “este é o centro de ensino que conta con máis estudantes na cidade, e está situado nunha zona na que conflúen centros de ensino, instalacións deportivas e un centro social, polo que se fai necesario contar cun espazo humanizado para o desfrute da veciñanza”.
O concelleiro de Infraestutruras lembrou que “hai dous anos e medio comezamos a executar actuacións de calmado de tráfico nas contornas dos centros escolares, e agora continuamos coa mellora das zonas escolares cun novo plan de humanización que comezará no colexio Luís Pimentel”.