O TENENTE ALCALDE DESTACOU QUE "AVANZAMOS NUNHA CIDADE CON ESPAZOS PENSADOS PARA AS PERSOAS, APROVEITANDO TAMÉN PARA RENOVAR OS SERVIZOS SOTERRADOS COMO A REDE DE ALUMEADO OU O ABASTECEMENTO"
Avanza a renovación da Rúa Cambria, que creará unha nova contorna escolar segura cun entorno amable, e que estrea novo sentido de circulación
Rubén Arroxo, Alexandre Penas e Iria Buide visitaron a zona, cuxa renovación comezou en agosto e está próxima a rematar, pendente da colocación do novo mobiliario urbano
O Tenente Alcalde destacou que "avanzamos nunha cidade con espazos pensados para as persoas, aproveitando tamén para renovar os servizos soterrados como a rede de alumeado ou o abastecemento"
Lugo, 08 de outubro de 2025. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, xunto co edil de Infraestruturas Alexandre Penas, visitaron o CEIP Rosalía de Castro onde a Tenencia de Alcaldía está a traballar na mellora da contorna, renovando a rúa Cambria para "crear un novo espazo de convivencia como o que podemos ver no norte da cidade, na contorna do Colexio Luís Pimentel", explicou Arroxo. Segundo o Tenente Alcalde, aplicarase o modelo de plataforma única con preferencia peonil, "un modelo que está a funcionar xa en moitos puntos da cidade", e crearanse novas zonas axardinadas e bancos. Arroxo destacou que os procesos están a piques de rematar, "xa podemos ver un entorno completamente novo, máis amable coas persoas, e que conta con maior seguridade peonil", afirmou.
Na actualidade os traballos atópanse rematados, á espera de que se coloque o novo mobiliario urbano. A Tenencia de Alcaldía modificou o sentido de circulación desta rúa "para facilitar a fluidez do tráfico despois da renovación", explicou Arroxo, que engadiu "este cambio realizouse a partir das peticións veciñais"
O CEIP Rosalía é un dos cinco centros da cidade incluidos no programa de vieiros escolares seguros "facilita a conciliación familiar, ademais de promover hábitos de vida saudables e reducir o tráfico rodado na contorna dos colexios" dixo Rubén Arroxo que asegurou que esta actuación complementa o proxecto "Camiño ás Aulas".
Os traballos consistiron na renovación da calzada e das beirarrúas, para posteriormente habilitar unha plataforma única ao nivel das actuais beirarrúas separando a zona de acceso ao colexio con zonas axardinadas e bancos. Tamén se renovaron as instalacións da rede de abastecemento, instalando novas tubaxes de fundición dúctil e novas canalizacións para a instalación de alumeado público. A rúa construíuse con formigón desactivado, "unha solución estética que tamén podemos ver en diversos puntos da cidade, e que permite reducir o mantemento dos espazos públicos pola súa grande durabilidade", explicou Arroxo. A Tenencia de Alcaldía inviste 124.078,45€ na renovación deste espazo "para avanzar no obxectivo de aumentar os espazos de convivencia e mellorar as contornas escolares con zonas humanizadas", afirmou Rubén Arroxo. Nos vindeiros días instalarase o mobiliario urbano, o que completará a renovación da rúa.