“LAMENTAMOS QUE O CONCELLEIRO DO PSOE E O SR. BALSEIRO IGNOREN OS ACORDOS PLENARIOS DO CONCELLO Á HORA DE TOMAR DECISIÓNS” DIXO FERREIRO
O BNG-AA advirte que o proxecto do novo Colexio do Sagrado Corazón non contempla cociña
Maite Ferreiro lémbralle a PP e PSOE que hai un acordo plenario para que o novo Colexio do Sagrado Corazón conte con cociña e comedor
Lugo, 21 de decembro de 2017. A edil do BNG-AA Maite Ferreiro alertou sobre a redacción do proxecto básico de execución para a construción do novo CEIP do Sagrado Corazón. Un prego de prescricións técnicas no que se definen as características que debe ter o novo centro educativo e no que non aparece contemplada a construción de cociña. Maite Ferreiro afirmou que “tanto PP como PSOE deberán de dar explicacións de por que teiman en non dotar de cociña e comedor aos novos centros educativos cando é unha latente demanda social, sobre todo despois do acontecido cos servizos de comedor nos últimos tempos en Lugo e noutras cidades”.
Non é de recibo que un novo centro que vai ocupar 3.000 metros cadrados e custar 4 millóns de euros xurda coa carencia dun servizo necesario para avanzar na conciliación familiar “lembrarémoslle esto a PP e PSOE cada vez que se lles encha a boca falando de conciliación familiar e apoio á familias”. Ferreiro sinalou “segundo se anuncia o centro ten como vocación dar servizo a novos residentes que xurdan no entorno, pero parece que o servizo vai ser parcial por que as cociñas non se contemplan no proxecto”.
O BNG-AA levou ao pleno do mes de xullo deste mesmo ano unha iniciativa que foi aprobada con votos a favor de todos os grupos e coa abstención do PP na que se pedía literalmente que a Xunta de Galiza a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inclúa no proxecto de construción do novo colexio situado no barrio do Sagrado Corazón, desta cidade, as infraestruturas necesarias coas dotacións e persoal necesarias para que se poida prestar o servizo de cociña e comedor neste centro educativo, cunha xestión directa dende a propia Consellería.
“Lamentamos que o concelleiro do PSOE o Sr. Balseiro ignoren os acordos plenarios do concello á hora de tomar decisións” dixo Ferreiro que sinalou está claro que “nin PP, nin PSOE están interesados e dar servizos públicos por que se non elimínanse as concesións ás empresas privadas e todo o que esto supón”. Para o BNG-AA “non é admisible que unha nova instalación se faga con carencia de servizos e atendendo unicamente a intereses partidarios”.